O Cebreiro lembra os 'reiseiros'

Ían polos camiños cun mantón que cubría os mellores traxes e un sombreiro que anunciaba a volta da luz. Branca Villares recorda a mítica comitiva que acompañou durante anos
A comitiva dos 'reiseiros' do Cebreiro. ARQUIVO EL PROGRESI
photo_camera A comitiva dos 'reiseiros' do Cebreiro. ARQUIVO EL PROGRESO

Entre un dos Reis e o Rei Maior –no Cebreiro non son tres, senón catro, estes magos que veñen de Oriente– asoma a cabeciña de Branca Villares. Naquela altura, a rapaza de non máis de 18 anos participaba, canda ao colectivo María Castaña e a asociación Xistra de Pedrafita, na recuperación dos cantos de Reis. Ver hoxe a foto emociona. "Recordo con moitísimo cariño aqueles anos nos que fun cantar os Reis ao Cebreiro, as bágoas que saltaban dos ollos da xente cando chegabamos ás portas das casas. Era indescritible", di hoxe, case cinco lustros despois, unha das grandes gardadoras e impulsoras do patrimonio musical da Montaña.

En Fonfría ou Zanfoga tivo que tomarse esta foto, parroquias que levaba o crego Xesús Mato, o principal promotor da recuperación dos "reiseiros", como alí se chama esta tradición, xa a finais dos anos 90. Os protagonistas da imaxe son os seus últimos transmisores, ogallá non os derradeiros.

Naquela altura, Isidoro Rodríguez e Carmen Pérez, de María Castaña, realizaran un labor de investigación para recuperar a vestimenta destas figuras tal e como a describían os maiores. Sobre o traxe das vodas, o máis elegante, o mantón. E por riba, ese sombreiro solar de flores e espellos, circular coma o sol que completa o seu curso no solsticio, a coroa que abre o ceo máis alto da provincia.

Diante deles, xa fóra da foto, o carantoña, unha personaxe semellante ao maragato, que perdía o rostro humano coa carauta dun coello e cambiaba a lingua das palabras pola dos sons animais para dar aloumiños en cada casa. "El era quen abría o camiño, quen saudaba, anunciaba a chegada, e pedía licenza para cantar", comenta Villares. Se lla daban, os reis apostaban alí e comezaban cun longo canto recitado que arranca así: "Licencia pido, señores, se vostedes ma quen dar/ para cantar estes Reis/ que imos escomenzar", canta varios anos despois Branca. No arquivo en liña do Museo do Pobo Galego pode escoitarse ao Pipas, o segundo pola esquerda, cantalo enteiro.

A comitiva levaba tamén outra personaxe que aquí non se ve, a do mochileiro. "Era o rapaz máis fornido da aldea, que portaba un ramiño de xardón, símbolo da boa sorte, co que daba ás veces zorregadas a quen se portaba mal. El ía recollendo no saco o que nos daban polas casas, sobre todo embutidos da recente matanza, coa que se facía a chourizada logo de cantar os Reis", lembra Villares.

Detrás deles, os gaiteiros, coma Branca aquela mañá, e a xente que facía e acompañaba a festa. A dos Reis, coma tantas outras tradicións, era unha festa en si. Despois do canto, un baile en cada curral, puntos de muiñeira e de xota, terreiro ben pisado. Para ela, onde máis prestaba esa festa, pola cantidade de cantigas que sabía, era no curral do Pipas, que nalgún momento ascendeu a Rei Maior. "Dos regueifeiros do Cebreiro aprendín unha muiñeira que aínda me acompaña hoxe e que ensino nas aulas todos os anos: i a mina filla/ dote non ten/ pero canta e baila ben/ sabe coser e sabe bordar/ quero que sea a millor do lugar", conta, e entoa ao mesmo tempo, Branca.

Ela nunca deixou de cantar os Reis, dende a Taberna de Val de Baralla ata a aldea máis alta de Cervantes. Este Nadal faino ben lonxe daquelas montañas luguesas que seguen a facerlle de acubillo. Faino desde Senegal, pero para o ano que vén agarda poder colaborar na recuperación desta tradición tan propia do Cebreiro e do Courel. Porque da foto sae unha música, si, que segue a facer que o sol rode montaña abaixo e nos leve canda el.

Comentarios