domingo. 24.10.2021 |
El tiempo
domingo. 24.10.2021
El tiempo

A Casa Quindós asenta un programa de actividades para un rural vivo

2021091114071460565
Oliver Laxe, con Román Rodríguez e outras autoridades e integrantes da asociación Ser. EP
O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, visitou o proxecto de Oliver Laxe en Vilela e destacou a súa forza "para dinamizar e favorecer o desenvolvemento da comarca ancaresa"

A gran ventá que mira o val dende a Casa Quindós, en Navia de Suarna, ten moito sentido, pois o proxecto que Oliver Laxe fincou na súa aldea de Vilela mira o territorio e déixase mirar por el. O cineasta compartiu onte co conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, o que será o calendario de actividades para os vindeiros meses: obradoiros, conferencias, proxeccións de cinema, iniciativas de desenvolvemento rural e encontros comunitarios que xa se poden consultar na recén estreada web www.casaquindos.com.

Rodríguez, que estivo acompañado na súa visita por Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, destacou a proposta de Laxe como "fundamental para dinamizar esta zona e favorecer o seu desenvolvemento económico, social e cultural, sempre de xeito respectuoso coas formas de vida tradicionais".

O conselleiro indicou que a Xunta favoreceu a posta en marcha das actividades cun convenio dotado con 85.000 euros coa Asociación Ser, da que tamén estiveron presentes na visita de onte varios dos seus integrantes, veciños e veciñas da zona.

A entidade, que leva o nome do afluente do Navia, quere ser tamén coma un río que nutra uns Ancares vivos e orgullosos de si. A posta en valor dos recursos locais agrícolas, gandeiros, forestais, patrimoniais, paisaxísticos, culturais e turísticos é o seu motor.

Esa ventá aberta á serra tamén se convertirá en pantalla de cinema. A asociación quere, alomenos catro veces ao ano, ofrecer un cineclube gratuíto con cabida para un cine vencellado ao territorio e con debates dinamizados por Oliver Laxe ou outros profesionais ou docentes do eido cinematográfico.

Un lugar para mirar e dende o que mirar, como na peza que Laxe presentou á exposición Galicia Futura, na que amosa as mans dos traballos: desbrozar, cercar e tamén excavar, si, tamén as dos arqueólogos que descubriron nos últimos meses parte do castro do Teso da Ermida, próximo á aldea e ao que a Xunta destinará, segundo avanzou Román Rodríguez, 40.000 euros en 2022.

Ao encontro tamén se sumou o alcalde naviego, José Fernández, e o arquitecto encargado do proxecto de rehabilitación, Jorge Duarte. Así comezou o curso en Vilela, así se sente a luz prendida na Casa Quindós.

A Casa Quindós asenta un programa de actividades para un rural vivo
Comentarios