A casa pola que entrar en Navia de Suarna

Javier Fernández leva anos compilando obxectos da vida cotiá naviega nun museo etnográfico no centro da Proba
Javier Fernández, diante do futuro museo dos ferreiros. VICTORIA RODRÍGUEZ
photo_camera Javier Fernández, diante do futuro museo dos ferreiros.

Julín de Nicasio era coñecido coma o mellor pescador de Navia de Suarna, pero tamén por non tirar cousa ningunha da súa casa, algo que, por desgraza, facía contracorrente. Os tempos eran dados a desfacerse de obxectos aos que non se lles daba demasiado valor. De feito, o primeiro xesto para facer da Casa Nicasio un museo foi seu.

"Eu empecei porque meu sogro pendurou este fuelle e estas romanas aquí, non sei con que intención", indica hoxe Javier Fernández, que reuniu un século de patrimonio etnográfico no lugar que antano fora cantina, tenda de ultramarinos e ferretería. O 75% do alí gardado e exposto pertence á mesma casa, con autonomía para tear, para medir o aceite, para coser a máquina ou para afiar ferramentas. Se o museo semella un universo é que fai xustiza ao que eran as casas antano. O outro 25% fóronllo cedendo os veciños ao longo dos anos. Os da casa de Lema, os da casa de Plácido de Virigo, os da casa de Don José da Ferreirúa, e moitos outros. O seu soño é que algún día este museo poida abrir as súas portas no castelo. Por iso, xunto á asociación Irmandade Naviega, insta ás administracións a recuperar a construción medieval da que é veciño.

NAVIEGO. Javier Fernández pensa que a vida quixo facerlle parecer naviego, xa que ten o apelido máis común na zona. El é, en realidade, asturiano, e o vínculo coa Proba veulle pola súa muller, Mabel González, filla de Julín, bisneta de Flora, a muller que construíu en 1907 a casa na que vive dende que se xubilou hai anos despois de ser profesor de inglés.

Un barrelo de nogueira feito polo avó de Mabel, un arcón no que apareceron xornais de 1923, os restos dun tear de baixo lizo, os esmaltes brancos e azul cobalto sobre o metal, un afumador de fol para espantar as abellas, as pranchas de ferro, as navallas de Taramundi, as pesas de quilo e de libra, as mazas de ferreiro e as brosas para cortar a leña, algún cabeceiro con marquetería dalgún artista carpinteiro, reloxos parados, voltímetros, teléfonos dos primeiros. "Ando limpando a casa de cacharros e trastos/ lacenas e faios sin deixar rechubazo./ Ando a tocarlle as mans aos antepasados...", escribía Novoneyra en Os eidos. Javier Fernández coñece ese xesto: limpar, lavar, secar ou vernizar, até recuperar o tacto nestes obxectos, até facer que brillen na memoria.

Pode escribirse unha historia a partir da casa sobre as liñas que se debuxan dun obxecto a outro, baixo a luz do candil de carburo ou do hornillo Primus de petróleo tan coñecido na Revolución Rusa. "Todo isto podía perderse", indica Javier Fernández, que agora mesmo traballa co artista ruso Pavel Yakushev para facer da edificación anexa á rocha sobre a que se erixe o castelo medieval un museo de ferreiros dos Ancares. De momento, están limpando ese lugar que no seu día foi un forno e onde a familia facía augardente, e recollendo ferramentas da zona. "O meu desexo é que algún día todo isto sexa público", comenta. De momento, as portas da súa casa están abertas para quen queira entrar... en Navia.

Comentarios