"Cantiz ten moitas posibilidades"

Un chantadés e dous irmáns da capital lucense decidiron apostar por esta aldea becerrense para poñer en marcha un proxecto de aloxamentos turísticos que abrirán nos próximos meses
Pablo López, a carón da primera vivenda de Cantiz en proceso de rehabilitación. EP
photo_camera Pablo López, a carón da primera vivenda de Cantiz en proceso de rehabilitación. EP

Cantiz é unha aldea na que morre a estrada. Alí non se escoita o ruído de motores ou de veciños apresurados por chegar a algunha parte, só o murmurio dun regato e as chocas das poucas vacas que pastan na contorna. E quizais foi iso o que fixo que Pablo López e Jenaro e Iván Saavedra se namorasen deste lugar de Becerreá que nos últimos tempos estaba máis acostumado a que as súas portas se pechasen. Tanto como para facelo a base do seu novo proxecto empresarial, as vivendas turísticas Casas de Cantiz, que teñen previsto abrir nos próximos meses.

O primeiro, chantadés, e os últimos, dous irmáns da capital lucense, non tiñan ningún tipo de vínculo coa comarca máis aló do gusto pola montaña. "Chegamos ata aquí por unha confabulación de casualidades", conta Pablo. "O meu cuñado Jenaro buscaba unha casa para uso persoal e, en canto vimos o lugar, foi amor a primeira vista. Eu xa tiña moita lea de pedras vellas e xestas invasoras noutra finca, polo que decidimos crear algo co que desfrutar e que nos retornase o investimento".

E foi así como "saltándome todas as regras de prudencia á hora de montar un negocio, entre elas facelo con alguén da familia", di Pablo entre risas, decidiron facerse con tres vivendas nunha aldea de Becerreá na que os seus habitantes se poden contar cos dedos das mans. E quizais, aínda sobrarían. "Estanse recuperando as casas do lugar pouco a pouco. De feito, uns dos nosos veciños son un matrimonio estranxeiro, ela é americana e el, irlandés. Entre todos imos xerando un cambio de inercia. Cantiz ten moitas posibilidades", explica.

Un futuro sobre o que se proxecta a apertura nos vindeiros meses —entre o Nadal e a próxima Semana Santa— de Casas de Cantiz, un negocio de aluguer turístico formado polas tres casas adquiridas, aínda que, polo momento, só se atopan inmersos na rehabilitación da primeira destas. "Comezamos a reforma hai apenas unhas semanas, queremos ir pouco a pouco. O lugar é realmente espectacular, cheo de brañas verdes e a tan só 40 minutos de Lugo. Un verdadeiro tesouro en Galicia, pero ten que haber xente que queira coñecelo", explica.

E os tres socios, animados por darlle un pulo á zona, non pensan deterse aí: "Aspiramos a crear algún posto de traballo pola vía da restauración. Temos como obxectivo asentar poboación e que haxa negocios que doten as nosas vivendas de servizos. O de menos para nós é a rendibilidade, isto ten un compoñente máis espiritual".

Unha reforma en streaming

Ás múltiples particularidades do proxecto Casas de Cantiz súmase unha activa presenza nas redes sociais, desde as que retransmiten case en directo o proceso de rehabilitación da primeira vivenda que abrirán ao público. "Somos conscientes da necesidade de irnos facendo un espazo no mundo virtual. Polo momento o número de seguidores é modesto, pero estamos tendo unha recepción moi positiva", explica Pablo sobre as respectivas contas de Facebook e Instagram.

 

A primeira vivenda de Casas de Cantiz contará cun total de tres cuartos, tres baños, cociña e un salón con vistas privilexiadas á serra dos Ancares. Na parte superior proxectan unha sorte de observatorio desde o que poder ollar as estrelas. "É unha zona con contaminación lumínica cero", destaca o chantadés.

A capacidade será dunhas oito persoas e estará dirixida a todos aqueles que "respecten as normas elementais de convivencia na montaña", di.

Alén do servizo turístico, os tres socios pretenden que sexa a base de celebración de "eventos de pequena capacidade".

Comentarios