O 'cantinho' brasileiro do Cantábrico

A comunidade brasileira na vila fonsagradina cumpre preto de 20 anos de vida e segue crecendo. Conformada na meirande parte por mulleres –14, fronte a dous homes– afirman que o calor dos veciños contrarresta o frío da zona... e tamén as súas xuntanzas nun dosestablecementos máis míticos da localidade
Chierlis, Cidineide, Valdeira, Luciene, Railona, Ryan e, no centro, Yuliana. SEBAS SENANDE
photo_camera Chierlis, Cidineide, Valdeira, Luciene, Railona, Ryan e, no centro, Yuliana. SEBAS SENANDE

O mítico Cantábrico, na Fonsagrada, ten un cantinho brasileiro. Hoxe reúnense nel Ryan, Chierlis, Valdeira, Yuliana, Cidineide, Luciene e Railona. Faltan Lorena, Nilva, Silvana, Francisca, Sonia, Mara, Caterina, Cristiana e Alexandre. Un total de 14 mulleres e dous homes migrantes que refixeron a súa vida nesta vila da Montaña luguesa.

"Das que estamos hoxe aquí, a máis vella é Chierlis, pero outros levan vinte anos", di Railona. Esa afirmación non se refire aos anos que ten a que é camarareira do Cantábrico, senón que é outro xeito de medir os 13 que pasaron destoutra beira do Atlántico.

Do mesmo xeito, Ryan, o único home da reunión, é dos máis novos. Hai dez anos atrás, a proporción era case inversa, indican, con até 23 brasileiros no municipio. Pero a crise nos traballos masculinizados, como a construción ou a madeira, deixouse notar. E tamén o endurecemento da lei de extranxería durante o goberno de Rajoy.

"Os traballos para homes acostuman ser no monte ou na construción, aínda que ti veñas con outra formación -coma min, que son deseñador gráfico-. Son traballos que a xente de aquí non quere, e que teñen certo risco, por iso as empresas esixen ter os papeis en regra", indica.

A el fáltanlle poucos meses para cumprir eses tres anos de permanencia en España -sen saídas- que necesita para conseguir a residencia. "Marchei do meu país para falar outra lingua e coñecer outra cultura, e descubrín que falamos case o mesmo!", bromea.

"Cando penso que falo en castelán, en realidade estou falando en galego", di a súa nai, Cidineide Ferreira. Ela afirma cunha claridade sorprendente que "as mulleres teñen traballo aquí". Os traballos feminizados e racializados do coidado dos maiores non implican o risco da construción ou da madeira, e o habitual é que se realicen en negro durante o tempo que tarda en chegar o permiso. "Por fortuna, nós tivemos sorte coas persoas", di, pois esa é a súa única garantía, aínda que se trate de traballos tan fundamentais.

A proporción de mulleres é maior porque levan ao cabo traballos feminizados de coidado aos maiores ou de axuda no fogar

Agora Cidineide traballa como varredora no concello, contratada pola Xunta. De pedir a nacionalidade non quere nin falar, por ese exame que considera "inxusto, pois estou segura de que moitos españois non o aprobarían. Eu non estudei no Brasil e custaríame moito, así que vou renovando o permiso", indica, aínda que, como moitas, casou cun home da Fonsagrada.

Valdeira Pessoa traballa no sector dos coidados, pero baixo o amparo da cooperativa Fonsasis. "Eu fago de todo", explica sobre o seu día a día. E engade: "Por iso teño un nome artístico, Patricia", bromea. Unha de cal e outra de area semella ser o ritmo da conversa. E non podería ser doutra maneira, coa dose de humor e de intelixencia que ás veces a vida esixe como resposta.

"Cada unha de nós marchou por motivos distintos, pero a violencia no noso país é algo común. Queriamos unha vida mellor", indica Valdeira, á quen se lle facía raro, no inicio, non mirar para atrás pola rúa, ou non pechar totalmente a xanela. "Este é o paraíso da seguridade", engade Cidineide.

Railona Cerqueira confesa que moitas cheiraron a violencia moi de cerca, no bus ou na rúa, e Ryan lamenta a situación de Brasil, onde chegar a fin de mes é "imposible", con prezos inflacionados e salarios baixos.

Querer algo mellor é a esixencia que fai embarcar. Pero, era o esperado? Si, e non. Dende logo, se unha cousa está clara, é que "na Fonsagrada trátannos ben", comentan, sen os prexuízos ou o racismo que percibiron noutros lugares. Ás veces, "só con entrar no supermercado e ver que podes comprar o que precisas xa sentes un grande alivio", afirma Luciene da Silva, que leva só un ano na vila.

Yuliana Vasconçelos é a máis nova, pero de verdade. Ela asegura estar contenta no cole. Non entende que os demais prefiran o frío da Fonsagrada ao calor de Brasil. Ela non o cambia. Iso si, "ver nevar gústame moito", confesa. E prefire quedar coas uvas que con calquera outra froita tropical.

Os sabores mantéñense lonxe da casa, e a comunidade brasileira -ou "brasilega"- aproveita cando pode para xuntarse e comer "feijoada" o "pão de queijo". Comer é un xeito de volver, e cómese coa familia, que aquí se amplía con todos os que levan un mar por dentro. Ir faise máis complicado. "Cando teño diñeiro non podo ir, e cando podo, non teño diñeiro", bromea Valdeira. De calquera xeito, nese "cantinho" brasileiro, Maranhão, Tocantins, Minas Gerais, Piauí ou São Paulo non están tan lonxe.

Comentarios