Cando Confucio soñou co Eo en Baleira

Antón Cando e Beatriz Pin presentan este domingo en Fonteo o libro que escribiron a dúas mans sobre o río que nace nese lugar do municipio e corre e canta levando a historia consigo

undefined
photo_camera Antón Cando e Beatriz Pin. EP

O libro que se presentará este domingo 26 de maio no centro de interpretación de Fonteo, en Baleira, ás 18.00 horas, vai sobre ríos, e fálase del coma se fose auga. O máximo que puido remontalos Antón Cando, do Candín, foi ata un documento do 1578, unha concordia polas feridas que lle causara o crego Julián de Valonga a Juan de Cando, antepasado seu, cando fora a Compostela a departir unhas terras.

As augas que leva a lingua consigo, os ríos sempre máis antigos ca nós: Antón non soubo deste documento ata hai pouco, pero na súa casa sempre se dixo que os Cando sabían máis ca os curas. Pois ben, ata aquí un dos autores. A outra, Beatriz Pin, é do lugar onde nace o mesmo Eo, de Fonteo. Aínda que cómpre matizar a cousa, as augas que xa levou o río consigo da Serra do Pozo e da Vaqueriza, ou no poñente, do Mirador. Pero si, de Fonteo. Da casa do Canónigo, filla de Natalia, quen levou alí a última cantina, e de Ramiro, carpinteiro. 

'Entre nós e o Eo' é o título que asinan entre os dous. E, se ben as páxinas corren por eses lugares que están entre nós e o río, do Cádavo por Ribeira de Piquín a Ribadeo, tamén merece a atención a cunca do Neira. Como non? "Baleira é dos poucos lugares que verte augas a dous mares. O Neira, que nace na Fontaneira, bota as augas en Portugal, xa que desemboca no Miño e vai dar ao Atlántico, e o Eo, que dende Fonteo pasa polas Asturias para desembocar no Cantábrico", comenta Cando. 

Tamén se bifurcan as grafías desta publicación, que ve a luz da man da editorial Toxosoutos: Beatriz segue a norma da Real Academia; Antón, que utiliza o acento circunflexo do portugués e segue a variante eonaviega coas súas múltiples diferenzas dependendo das zonas. "En Baleira, por exemplo, cambia o plural 'ois' por 'ós' e o diminutivo 'iño' por 'ín'", indica.

Así que, por un lado, as augas. E, polo outro, os nomes, eses nomes que levan ríos consigo. Todo o poemario conxunto responde á forma dos acrósticos, con poemas que coas letras iniciais forman todos eses nomes de lugar, como Ribadeo, Fonteo, O Pazo, Valeira —coa escolla gráfica do uve—, Cubilledo, pero tamén antropónimos, como os mesmos nomes de Beatriz ou Antón, e doutros veciños, como María, Natalia, Ramiro ou Florencio. 'Entre nós e o Eo' é tamén ese fluír de nomes e de lugares que se reflicten no río.

Dende que o ser humano tivo palabras, debeu ter palabras para o río. Dende que sentiu o tempo na súa vida, debeu comparalo co das augas. Fai referencia Cando á historia que arrastran os ríos, a toda vida humana que trenzan. Do Eo xa deu noticia Plinio O Vello na súa descrición da península Ibérica. Segundo destaca Cando, xa nese primeiro século da nosa era o autor da 'Historia natural' falaba dos 'egobarri', os habitantes dese río chamado 'Ego'. Por iso, o domingo, despois da presentación, haberá un 'batizo'  con augas do Eo, vertidas nunha cunca e zarrapicadas a todos os presentes, dende ese momento 'egobarris'.

Acompañarán a Beatriz Pin e Antón Cando na presentación Claudio Rodríguez Fer e Carmen Blanco, que asinan un limiar titulado 'O Eo e os Eos'. Así, na parte 'Eo Carmen', a autora fala dos ríos que cos que soñamos na utopía máis libre: "Ser..., Sor..., Sil..., Nilo..., Volga..., Tigris..., Miño..., Navia..., os ríos infinitos do universo, as inextinguibles augas azuis ultramar, as superviventes rías, azul lapislázuli do edén terreal do amor e a liberdade". E na parte 'Eo Claudio', o autor finaliza destacando que os antigos gregos, "que sacralizaban e veneraban os ríos, entenderon, como Heráclito e Platón, que ninguén se pode bañar no mesmo río, e, en consecuencia, podemos dicir que ninguén se pode bañar no mesmo Eo, pois trátase dun ente que flúe no tempo, como pon de manifesto este libro".

Con eles estarán tamén a filóloga María Cando, o violinista e docente Xavier Fernández, con raíces no municipio, e o grupo de gaitas e percusión de Baleira Toxo Queimado. Para que así "pasemos todos, igual que corre a auga", como dixo Confucio na cunca do Huang He, ou do Neira, ou do Eo.

Comentarios