O Camiño pola rota do verso

Cinco poetas procedentes de Arxentina, Cuba, Brasil, Colombia e Galicia desenvolven entre O Cebreiro e Compostela a primeira residencia literaria itinerante para actualizar a temática xacobea
De esquerda a dereita, Demián, Luiza, Tálata, Diego e Fátima. N.N.
photo_camera De esquerda a dereita, Demián, Luiza, Tálata, Diego e Fátima. N.N.

"Deixa o teu lugar de honor porque a rota mesma o é". Con esta cita de Rumi introduciu Novoneyra o seu derradeiro libro en 1999. Como en toda a súa poesía, ao poeta do Courel camiñábanlle até os nomes das obras. Publicada como 'Arrodeos e desvíos do Camiño de Santiago e outras rotas', ese último libro recibiu tamén os títulos de 'Libro de rotas' ou 'Ámeto mítico', que a fundación Novoneyra tomou para botar a andar o seu último proxecto. Literalmente.

Cinco poetas de distintas nacionalidades comezaron este martes a ruta xacobea -rota, que dicía Uxío- no Cebreiro para continuar até Compostela na primeira residencia literaria no Camiño de Santiago, que a fundación que leva o nome do poeta puxo en marcha dentro da programación de O Teu Xacobeo, financiada pola Xunta.

Todos deixaron o seu lugar de honor. Tálata Rodríguez, colombiana, deixou a súa residencia en Bos Aires. Fátima Delgado, nada no Barco de Valdeorras, veu de Madrid. Luiza Fernandes e Diego Horschovski deixaron Compostela, aínda que ela é brasileira e él arxentino. Demián Rabilero saíu por primeira vez de Cuba para facer a pé os 154 quilómetros a Compostela.

Ás 10 horas, os acentos e os momentos vitais que cada un trouxo consigo comezaron a ter como denominador común os son das pisadas, ese río de pasos que semella rimar co corazón e coa lingua e que sempre se levou ben coa poesía.

Peregrinos e trobadores, os participantes escribirán para despois dar recitais en centros de ensino da provincia e de Compostela

A Fundación Novoneyra estableceu como un dos obxectivos desta iniciativa o de actualizar a temática xacobea. A pesar de seren tantas as persoas que se adentran do Cebreiro a Compostela e do Camiño vertebrar un territorio, este pareceu minguar no poema, deixando lonxe un esplendor que Novoneyra sempre avistou. Por esta ruta chegou a Galicia a lírica provenzal, que tanta pegada deixou nas cantigas galegoportuguesas, e tamén a ritmo xacobeo adentrouse na néboa a mística sufí.

Os poetas que a Fundación Novoneyra seleccionou tamén escribirán sobre os seus pasos, e compartirán as súas creacións en centros educativos do Camiño e nas redes sociais. Para Tálata Rodríguez, ese tamén é o sentido de deixar o lugar de honor. "Es la poesía la que tiene que ir a los demás", di. Non lle importa que a néboa oculte a banda do Courel dende Fonfría: "Esta niebla concentra". Fátima Delgado comparte esa visión. Con esta residencia comeza unha excedencia que pediu para achegar a poesía aos centros educativos, algo que considera "un deber".

Deixar o lugar de honor non é só desprazarse pola terra, senón tamén pola lingua. Poñerse en camiño, devalar, "como devalan os vales para o mar", nesas palabras de Otero Pedrayo que a Luiza Fernandes tanto lle fascinaron cando chegou a Galicia.

Dobrar, cruzar, rubir aquí, parar alí. Camiños que se confunden con caligrafías. Demián Rabilero xa oíra en Cuba o paxariño "do bicarelo do bico do brelo" de Novoneyra. Deixouse levar polo seu canto. A poesía para el se asemella ao camiño en que é sempre un encontro inesperado. Para Diego Horschovski semella un xeito de aprender a camiñar consigo.

Hoxe amenceron en Triacastela. Quédalles unha semana para dar corpo e palabra a ese 'Ámeto Mítico' no que a terra que pisamos é inseparable das historias que dela contamos, da lingua coa que a nomeamos.

"Los poetas somos vagos", bromeaba Demián. Pero o seu vagar pode tender quilómetros de horizontes. E tamén o dicía Novoneyra: "Xa non sei se é por Santiago/ xa non sei se son un vago/ nin se son un pelegrín/nin se esto é peregrinar/xa non sei polo que vin/ antes era por chegar/ agora é polo camín".

Comentarios