Os calçots dos Ancares

Eduardo Gómez, emigrante retornado de Cataluña a Padornelo, trouxo consigo o sabor destas cebolas que xa medran en Cervantes
photo_camera Eduardo Gómez González. EP

Hai calçots en Cervantes, si. Maduran un pouquín máis tarde que en Cataluña, pero igual de ben, ou incluso mellor. Eduardo Gómez González, de Padornelo, é o responsable de que este sabor se coase nos Ancares.

Eduardo sempre levou a terra consigo. Marchou canda os seus irmaos a Barcelona no ano 1965, con 13 anos, pero nunca esqueceu os seus Ancares natais. "Nunca esquecín a Galiza, e nunca se me esqueceu falar o galego", comenta. Tanto é así que sempre se implicou no movemento asociativo cultural da emigración, e foi vicepresidente durante sete anos do Centro Galego Agarimos, en Badalona.

Cando hai uns anos xubilouse no taller de carrocería Barbany, onde comezou a traballar ao pouco de chegar –un taller que "foi a miña casa"–, el e a súa muller, Mercedes Ribas González, decidiron volver a Padornelo. Tamén neste caso trouxeron un anaquiño da terra consigo, e déronlle á súa horta a forma necesaria para acoller os calçots. Tamén, neste caso, Eduardo rapidamente buscou cómplices para compartir o sabor. En Padornelo non había asociación veciñal, pero si en Balgos, a poucos quilómetros. Alá foi, e alí o recibiron cos brazos abertos. Ao non ser da aldea fixérono socio de honra, e dende entón colabora con eles en numerosas actividades.

Os calçots chegaron a Cervantes no ano 2016. Foi cando trouxo unhas cebolas, para ver se se daban. Plantounas no mes de setembro, nun rego ben fondo e a trinta centímetros unhas das outras, seguindo as indicacións dun payés que se volcou en explicarlle como tiña que facer para que a cousa saíse ben.

"Cando brotan hai que tapalos -que é o que alí chaman calçar, e por iso chámanse calçots-. A operación de tapar con terra hai que repetila tres veces, e é por iso que se fai o rego moi fondo, o que permite botar a terra do lado", conta. Dese xeito, tres meses e pouca auga fan o calçot. O normal é recollelos en febreiro, e así foi este ano. Sen embargo, o confinamento truncou a calçotada que xa levan anos organizando cos de Balgos. Aínda que Eduardo repartiu moitos calçots aos veciños, conxelou outros coa esperanza de poder reunirse cando a situación sanitaria mellorase, e ese momento chegou.

Un ano máis, os calçots asáronse cos restos da poda das viñas, que en Balgos non faltan, pois na asociación andaron a recuperar o viño na zona. Despois, envólvéronse en papel de xornal durante dez minutos para acabalos de facer. Tamén se mollaron con salsa de avelá, ñora e aceite.

Despois destes anos, os calçots xa deron a súa semente cervantega, e un novo motivo de reunión para estes veciños.

Comentarios