Caballero denuncia a "ineficacia" das políticas da Xunta en materia de medio rural

Durante a súa visita á Fonsagrada analizou a "problemática" derivada da xestión forestal do Executivo galego
Gonzalo Caballero xunto a Carlos López e Xosé María Arias na Fonsagrada. PSOE
photo_camera Gonzalo Caballero xunto a Carlos López e Xosé María Arias na Fonsagrada. PSOE

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, asegurou que "cada vez son máis" os alcaldes, tanto do PSOE como do PP, de pequenos municipios que piden a dimisión do conselleiro de Medio Rural, José González. 

Así o manifestou este mércores durante unha visita ao concello da Fonsagrada, onde se reuniu co rexedor desta localidade, Carlos López, e co alcalde de Castroverde, Xosé María Arias. Ademais, en encontro, do que informou o PSdeG nun comunicado, participou a secretaria provincial do PSOE de Lugo, Patricia Otero, e o portavoz socialista de Medio Rural, Martín Seco. 

Na súa intervención, Gonzalo Caballero asegurou que na provincia de Lugo mesmo alcaldes do Partido Popular levantaron a voz para denunciar a "ineficacia" das políticas da Xunta en materia de medio rural e para reclamar a Feijóo un cambio á fronte deste departamento. 

"Xa hai alcaldes do PP e do PSdeG que piden a dimisión do conselleiro", incidiu o dirixente socialista, que defendeu outra política para os pequenos concellos e unha estratexia de "discriminación positiva" encamiñada a dar "igualdade de oportunidades" a toda a cidadanía, independentemente do lugar no que vivan.

PLANIFICACIÓN FORESTAL. Ao fío disto, en compañía dos alcaldes da Fonsagrada e Castroverde, Gonzalo Caballero analizou a "problemática" derivada da xestión forestal da Xunta. 

En concreto, o líder do PSdeG denunciou que existe unha "mala planificación" por parte do Goberno galego e que esta ten efectos "perversos" para concellos como A Fonsagrada ou Castroverde. 

"Galicia non pode ser un eucaliptal", subliñou o socialista, que esixiu á Xunta que busque o consenso para ordenar e equilibrar as plantacións. "Non ten sentido que haxa zonas de Galicia masificadas cun 90% de eucaliptos e que noutras estea completamente prohibido", apuntou. 

Fronte a isto, o máximo responsable do PSdeG considerou necesario "ordenar" o chan e equilibrar as plantacións por zonas a través dunha planificación que "evite o monocultivo" e estableza rotacións para evitar profundar na degradación do chan. 

Así mesmo, avogou por que as plantacións de eucaliptos se acompañen de compensacións para as zonas de frondosas autóctonas, de forma que se poidan equilibrar os beneficios do monte en produción e do monte de protección ambiental.

ORZAMENTOS DA FONSAGRADA. En paralelo, o secretario xeral do PSdeG apelou ao resto de forzas con representación no Concello da Fonsagrada para que apoien a aprobación dos orzamentos locais. 

"O prioritario é sacar adiante as contas para afrontar a crise que estamos a vivir sen deixar a ninguén atrás", sinalou. 

Comentarios