Bosques e ciencia, protagonistas de tres xornadas en Negueira

O ecomuseo El País del Abeyeiro, situado no lugar de Pena da Nogueira, foi o escenario das terceiras xornadas de Ciencia na Aldea
Asistentes a unha das actividades celebradas. EP
photo_camera Asistentes a unha das actividades celebradas. EP

O ecomuseo El País del Abeyeiro, situado no lugar de Pena da Nogueira, en Negueira de Muñiz, foi o escenario das terceiras xornadas de Ciencia na Aldea, unha iniciativa que erixiu como protagonistas os bosques e a divulgación científica ao longo de toda a fin de semana.

O venres arrancaba o programa, impulsado pola área de Medio Rural da Deputación e a asociación Corripa. Nese primeiro día, os asistentes –había uns 80 inscritos para estas xornadas– aprenderon máis sobre a problemática dos lumes forestais da man do investigador Serafín González Prieto e indagaron nos retos que se lles presentan aos espazos naturais grazas a María Melero, de WWF Adena.

Ademais, abordaron a presenza da temática natural na obra de Rosalía de Castro.

O sábado, o eixo foron as figuras relevantes no estudo, conservación e divulgación da biodiversidade no mundo. Así, falouse do cartógrafo Félix de Azara, que documentou a biodiversidade de América do Sur; Charles Darwin, quen explorou a evolución das especies; Alexander von Humboldt, pioneiro no pensamento ecolóxico; Carlos Linneo, que desenvolveu a nomenclatura científica, e a ilustradora Maria Sybilla Merian.

Tamén pasearon polo xardín de polinizadores de Fernando Fueyo e este domingo inauguraron o Souto de Humboldt, un bosque de árbores centenarias e ilustracións de David Despau.

Comentarios