Os bois que uniron Baleira e Benavente

Antonio Díaz Morán creou unha ruta, a dos boieiros, que partía de Esgrade, en Cubilledo, e remataba na localidade zamorana. Chegar alá co gando leváballe 13 días e aos seus acompañantes custáballes, ademais, dous pares de zocas
Antonio Díaz Morán ía a Benavente a cabalo e sempre ataviado cunha capa. EP
photo_camera Antonio Díaz Morán ía a Benavente a cabalo e sempre ataviado cunha capa. EP

Tino Díaz era un neno cando lle chamaban O Boieiro. Nunca lle pareceu mal pero tampouco sabía a razón, mais era consciente de que na súa casa de Esgrade, a que marca o centro da aldea, sempre houbera bois, "ata dous pares xuntos", di. Na busca da orixe daquel alcume recorreu ao seu pai, Antonio, quen lle contou que o seu avó levaba o gando a Ponferrada. A busca incansable, as casualidades e o tempo fixeron que agora saiba máis dun concepto que esmorece.

Sorprendeuno que o seu bisavó, Antonio Díaz Morán, en realidade non ía a Ponferrada, senón a Benavente, para levar bois mansos e vacas vellas que vender en Castela. "Non podía ser Ponferrada porque cando el ía, en 1870, o tren só chegaba a Benavente", explica Tino, quen estando en Lugo mesmo pensou que era descendente de vaqueiros. "Meu pai non especificara que gando era, así que pensei en vacas", conta sobre unha historia que lle transmitiu aos seus netos. E non anda desencamiñado. "Un irmán do meu avó algo de vaqueiro tiña. Xogou nas tabernas de Toral de los Vados todo o que gañara vendendo os animais e perdeu, claro. Ao volver xa o mandaron a México", relata.

Foi durante a pandemia cando Tino Díaz profundou na súa familia e así se lle revelou que o bisavó non era un boieiro máis. Era o primeiro, o que abriu a ruta de Baleira a Benavente, alomenos dos que se teña constancia porque, "en todo o país, non hai nada escrito sobre os boieiros".

A Tino gústalle falar do descuberto nos escritos e tamén a pé de camiño porque, na creación do libro que recolle esta primixenia ruta, el e Antón. Cando seguiron os pasos que fixera Antonio, "personaxe e precursor", hai máis de 150 anos. Así, fala das pousadas que naceron ás beiras do itinerario para dar acubillo a boieiros e tratantes primeiro, e logo a todo tipo de comerciantes e reparadores de potas, paraugas, zocas ou carros.

A primeira era a propia casa de Antonio. Alí, no corazón de Esgrade, na parroquia de Cubilledo, en Baleira, a bisavoa de Tino, Antonia Fernández, rexentou a Pousada do Boieiro que cos anos foi tamén taberna e ultramarinos, ata 1972. "A primeira parada que facía o avó de meu pai cando ía para Benavente era na casa Teilalle, unha das máis importantes de Baleira", conta, "alí aínda teñen 20 argolas para os bois". E a partir de aí, ducias de fondas que se sucedían nunha travesía que duraba "13 días segundo os nosos cálculos, de que os bois andarían 20 ou 25 quilómetros ao día". "Sabemos que Antonio ía a cabalo e que levaba acompañantes, algúns a pé, porque tiñan que guiar o gando", detalla, "eses gastaban dous pares de zocas na viaxe, un para a ida e outro para a volta".

"Galicia foi unha gran fábrica de tractores antes de que os fixese Barreiros", tira Tino Díaz de metáfora cando fala daqueles bois galegos que se cotizaban á alza en Castela. "Ata os vascos nos envexaban", di sobre uns animais que se castraban ao chegar aos tres anos, que se enviaban un ou dous anos despois e que foron os artífices "da Revolución Industrial". "Quen primeiro trasladaba o carbón no Bierzo eran os bois, que eran máis fortes que as mulas", asegura.

Tamén se levaban vacas vellas ou que deixaran de dar leite. A súa carne daba sustento todo o ano máis alá dos Ancares, cando aquí o facían os porcos. "De aí saíu a cecina leonesa", apunta Tino, un home que segue indagando na orixe de seu bisavó -"Morán é un apelido maragato, así que houbo algunha conexión- e na pegada da ruta dos boieiros, un itinerario de dúas variantes: unha polo Portelo e Neira de Rei e outra por Balouta, A Fonsagrada e Candín.

A Pousada do Boieiro, a casa familiar de Tino Díaz, en Esgrade. EP
A Pousada do Boieiro, a casa familiar de Tino Díaz, en Esgrade. EP

Non descarta tampouco que haxa outros roteiros: "Os bois criábanse nas casas boas da Montaña e do Courel, alí ten que haber outro", reflexiona Tino, valedor da memoria e rescatista dunha figura, a de Antonio Díaz Morán, que o tempo estivo preto de borrar.

Comentarios