PREMIO EXTRAORDINARIO DE DOUTORAMENTO DA UDC

Bibiana Regueiro: "Os deberes de calidade son unha estratexia educativa fundamental"

Bibiana Regueiro. EP
photo_camera Bibiana Regueiro. EP

A universidade da Coruña concedeulle a Bibiana Regueiro (A Fonsagrada, 1987) o premio extraordinario de Doutoramento pola súa tese Metas académicas, deberes escolares e aprendizaxe en estudantes de Secundaria. Este traballo de investigación recibiu a máxima cualificación académica de sobresaínte cum laude con mención internacional.

Por que valorou o tribunal a proxección internacional da tese? 
Parte dese recoñecemento débese a que fixen varias estadías de investigación en centros de Estados Unidos, Portugal e Alemaña.

Que supón para vostede esta distinción académica?
Non é so dun recoñecemento individual, senón ao traballo en equipo. So así se poden lograr grandes fitos no ámbito da educación, e mesmo na vida persoal. Pero a verdadeira satisfacción está en poder dedicarme a formar profesionais da educación. Se a tarefa educativa é importante e arriscada, hai que encomendarlla aos mellores do país. Formar parte deste cometido a diario si é un privilexio.

Que actividade docente desenvolve na actualidade?
Son profesora do Departamento de Pedagoxía e Didáctica da Universidade de Santiago e vicedecana en funcións da Facultade de Ciencias da Educación.

Con cantas publicacións conta?
Editei máis de medio cento de artigos en publicacións científicas, moitas delas en revistas internacionais de impacto. Publiquei libros e presentei 90 comunicacións e ponencias.

Os deberes sempre xeran polémica. Son bos ou malos?
Trátase dunha estratexia educativa fundamental, con moitas vantaxes, sempre que se prescriban deberes de calidade. Os parámetros axeitados consisten en comezar con 10 minutos en primeiro de Primaria e aumentar dez minutos cada curso ata sexto, sen pasar dunha hora de traballo para todas as materias. Trátase dun adestramento para que os alumnos aprendan a autorregularse e a xestionar o seu tempo de estudo co fin de que sexan capaces de asumir unha carga de traballo e non se frustren cando pasen a Secundaria. Os deberes non teñen que ser de hoxe para mañá. O alumnos necesita tempo para planificarse ao longo da semana e saber cando facer cada actividade. Moitas veces están saturados de actividades extraescolares.

Que son os deberes de calidade?
Aqueles elaborados de xeito coordinado polos profesores, sen caer nunha copia do feito na clase, para que o neno non os tome como unha rutina. Os pais deben motivar, pero non axudar, xa que o profesor debe coñecer os logros do alumno. A realización dos deberes é o único momento no que o estudante ten a oportunidade de buscar solucións por el mesmo.

Comentarios