Un berro dentro da casa

A Casa Quiñones de Navia celebrou o poemario de Beatriz Dourado, onde resoa a violencia contra as mulleres en situacións de conflicto
Beatriz Dourado, a carón do hórreo tradicional dos Ancares na Casa Quiñones en Barcia. EP
photo_camera Beatriz Dourado, a carón do hórreo tradicional dos Ancares na Casa Quiñones en Barcia. EP

Beatriz Dourado berrou na casa. Na Casa Quiñones, un espazo que, ademais de ofrecer aloxamento e espazos de traballo en Barcia, a un paseo da Proba, vén funcionando nos últimos anos como centro cultural da zona. Na terra familiar, Navia de Suarna, de onde é seu pai; de onde son os avós -el de Silvouta, e ela de Cerredo-, e de onde é tamén o seu home, de Virigo. Alí presentou o seu poemario Intraguerras, que saíu do prelo este ano da man da editorial Urutau, e que tamén traza unha cartografía das violencias que ocorren dentro, dentro da casa e cando esta tamén está en perigo para as mulleres en calquera guerra.

O encontro foi promovido pola Asociación Veciñal Irmandade Naviega dentro da programación do II Vrau das Letras Naviegas. "Trátase dun evento cultural iniciado o verán pasado coa idea de presentar e de dar a coñecer á veciñanza a autoras e autores de obras que teñen unha relación moi directa co municipio", indicou Toño Núñez, escritor que preside a asociación e que tamén introduciu, cunha conversa, o poemario da súa veciña. Os cadros da pintora Silvia G. Armesto, con raíces ancaresas, tamén foron parte da presentación, dese espazo privilexiado con todos os elementos da arquitectura popular naviega.

O CAMIÑO. Beatriz Dourado naceu en Barcelona, filla e neta de emigrantes galegos, e vive agora na cidade de Lugo. Leva anos escribindo, paseniño, ao mesmo ritmo ao que as palabras se lle achegan á conversa. Despois de varias colaboracións en libros colectivos e outras publicacións, esta é a súa primeira obra, coa que gañou en 2019 o primeiro premio María Mariño e tamén a convocatoria que de maneira periódica lanza a editora Urutuau para dar espazo a novas obras.

A pandemia, porén, veu adiar a súa publicación até este 2022. E case tamén a proxectar, dalgún xeito, a súa continuación. "A situación que vivimos tamén revelou esa maior vulnerabilidade das mulleres, que asumiron os coidados ou que, en ocasións, se viron obrigadas a vivir na mesma casa có seu agresor", conta Beatriz.

Ese é o fío que percorre as Intraguerras, as violencias que atravesan os corpos das mulleres e que en situacións de conflicto non fan máis ca agravarse. "O noso corpo devido en campo de batalla onde cada guerra doe e marca", como escribe no prólogo a artista Luz Darriba.

UN MAPA DE VIOLENCIA. A guerra das Malvinas, a guerra de Vietnam, a guerra de Afganistán ou a Guerra Civil son algúns dos conflictos que percorren o libro, esa cicatriz de violencia que ten xénero en calquera conflicto, e que pasa polo aborto, a trata, o matrimonio infantil ou a violación. "Quixen tratar esas violencias que sofren as mulleres en situacións de conflito, eses silencios que son coma sombras que nos acompañan", indica. Unhas estalan en silencio dentro da casa, outras saltan no tempo e o espazo, e outras marcan coa súa memoria irresolta os corpos próximos: "Non foi doado/ lavar a roupa como se nada/ tender a roupa da criatura ao sol", comeza o poema adicado a guerra española.

Ao finalizar esta lectura, Beatriz Dourado leu un poema inédito, As naides, que dialoga con Los nadies, do escritor uruguaio Eduardo Galeano. Trátase dun poema que xa lera no estudio do artesán Andrés López Gómez, finado hai uns anos e que deixou unha fonda pegada na zona. Coas naides, que é o xeito de dicir "ninguén" nesta zona da Montaña, a autora tamén apunta a eses silencios que cobren as vidas das mulleres, un tema que alenta a súa escrita.

O II Vrau das Letras Naviegas
No mes de setembro, esta segunda edición do Vrau das Letras Naviegas acollerá a presentación do libro O gran poema, de Constantino Bértolo, que o prestixioso editor asinou como Tino de Féliz, o nome comunal que recibiu na súa infancia na Proba.

Outra das propostas aínda por programar nesta edición será a presentación de Memorias de un emigrante naviego, de Gonzalo Fernández.

MEMORIA.  Xosé Manuel Vega, autor de Déixate de ódegas, ou Eva Méndez do Roxo, autora de Embernallúas xa pasaron pola Casa Quiñones no Vrau das Letras o ano pasado, unha iniciativa que supón unha aposta, por parte da asociación, pola literatura vencellada con Navia de Suarna ou de escritoras da zona.

Comentarios