Belén ben podía estar nos Ancares

O nacemento creado por Olimpia León hai 25 anos abre hoxe as súas portas en Becerreá
Detalle do belén, co touro do Cereixal e a torre de Doncos ao fondo e o castro de Santa María e unha palloza. EP
photo_camera Detalle do belén, co touro do Cereixal e a torre de Doncos ao fondo e o castro de Santa María e unha palloza. EP

Hai un belén no que a xente vive en pallozas e en casiñas teitadas con lousa, van á misa á igrexa do Santo, buscan saber do pasado no castro de Santa María de Cervantes e atravesan a ponte sobre o río Navia. Nel mestúranse os séculos e os personaxes, e por iso estes tamén poderían mirar ao lonxe desde o alto da torre de Doncos se así o quixeran. Esta foi a última peza que se incorporou ao nacemento dos Ancares, ao igual que o pombal que alberga pombas e o touro mouro de Osborne que albisca O Cereixal, unha representación que inventou Olimpia León polo ano 1998 que non deixa de medrar, á que nunca se lle quita nada, salvo aquilo que precise ser reparado, e que neste Nadal celebra un cuarto de século de vida.

O día 6, ás 17.00 horas, abre as súas portas o local que alberga o nacemento, o que recolle "toda a riqueza patrimonial ancaresa". Atópase na Rúa Navia de Becerreá, diante da oficina de Correos, e alí vive o belén todo o ano, porque aínda que as súas orixes están na igrexa becerrense de San Pedro de Cadoalla, as necesidades de espazo que requiría esta exposición de pequenas pezas artesanais levárona a este novo emprazamento.

Veciños que fan pan no forno de leña, ferreiros, lavandeiras, gandeiros que coidan das súas vacas e dos bois e malladores son só uns poucos habitantes das ducias que residen neste particular belén. Algunhas foron labradas por Olimpia e outras, as máis recentes, son obra de Alberto Alonso, secretario da asociación cultural Zoela, de Becerreá, que agora se encarga do mantemento e coidado desta gran maqueta, así como de xestionar as visitas a ela.

Alberto explica que o traballo vai moito máis alá do inverno. "Comezamos a mediados de setembro a facer os bosquexos, a reunir materiais e a crear as figuras", explica el, cuxas mans deron forma ao castro cervantego de Santa María que se incluíu o pasado ano. "Pero quen sabe, ao mellor no futuro temos que empezar xa no mes de abril", engade entre risas en referencia a esas ganas de medrar que teñen os facedores do belén, conscientes, iso si, de que o espazo é o que é. "Se seguimos así teremos que tirar as paredes e chegar á casa do lado", continúa, sen deixar de rir.

Fala do nacemento co orgullo de quen o viu medrar durante tantos anos e en nome doutros moitos involucrados na creación deste particular museo, como é o caso do presidente de Zoela, Manuel Alejandro Vilela León, fillo da inventora deste nacemento.

As escenas que se representan neste belén devolven os veciños emigrados que regresan á súa infancia

 Mostra do tirón que ten é que este belén tamén se pode ver no verán, unha iniciativa que arrancou este ano e que terá continuidade o que vén. Faise pensando, sobre todo, "nos veciños que emigraron e que volven neses meses. As escenas que aquí se representan devólveos á infancia, moitos din "mira, así se facía o pan na miña casa", e case todos se fixan na parte da malla", especifica Alberto, quen matiza que os elementos de Nadal si se quitan na época estival. Pero é o único que desaparece, só para dar a imaxe dun auténtico museo etnográfico da vida dos Ancares.

O belén dos Ancares, co que colabora o Concello e a parroquia de Becerreá, poderase visitar desde o día 6 de decembro ata o 7 de xaneiro, entre as 17.00 e as 19.30 horas. Para máis información ou visitas concertadas fóra do horario e dos días sinalados, hai que chamar ao 627.81.77.20.

Comentarios