Becerreá homenaxea a De Arriba y Castro, o arcebispo que case foi Papa

A igrexa de San Xoán acolle unha mostra sobre o cardeal, de cuxo falecemento se fan 50 anos. O historiador Manoel Carrete expuxo a importancia do relixioso e falou da emigración galega

O 8 abril de 1886 nacía no lugar da Ferrería, na parroquia becerrense de Penamaior, Benjamín de Arriba y Castro, o cuarto dos sete fillos de Antonio e Pilar que acabou sendo "un sacerdote dos máis recoñecidos na cristiandade". Tanto que preto estivo de ser Papa, ao formar parte dos cónclaves que erixiron como pontífices a Juan XXIII e a Pablo VI. Ese non foi o seu único mérito, pois a través dos seus cargos eclesiásticos como bispo de Mondoñedo primeiro e logo de Oviedo, e cardeal arcebispo de Tarragona, promoveu numerosas accións a prol de colectivos como o xitano, o dos obreiros, o mineiro ou o de nenos e mozos de barrios marxinais, ademais de non deixar de mirar nunca cara á súa terra, Becerreá.

Alí, na igrexa de San Xoán, inaugurouse este domingo unha exposición que homenaxea e recolle a vida de Benjamín de Arriba y Castro, de cuxo pasamento se cumpren 50 anos o vindeiro mércores. Faleceu lonxe de Penamaior, en Barcelona, por mor dunha enfermidade respiratoria logo de pasar boa parte da súa vida, entre 1949 e 1970, adicado á diocese de Tarragona, onde colleitou o cariño e o agradecemento dos seus fregueses. Xa antes fora bispo de Mondoñedo durante nove anos, desde onde creou o Seminario Menor en Lourenzá, e de Oviedo.

Del, o historiador quirogués Manoel Carrete destacou a austeridade coa que viviu e coa que morreu, e así o fixo saber durante a intervención deste domingo que deu por inaugurada a mostra na que Carrete participou coa colaboración de veciños -organiza o Centro Gallego de Tarragona, a Federación de Entidades Culturais Galegas en Cataluña, a parroquia de San Xoán de Becerreá, a Xunta e o Concello-.

E é que De Arriba y Castro soubo retirarse chegado o momento. Con 84 anos, Pablo VI acepta a súa renuncia, convértese en arcebispo emérito de Tarragona e fai de Cardedeu o seu fogar. Falecía tres anos máis tarde, deixando unha vida de devoción a San Pablo e fitos como o de trasladar os restos dos Reis da Coroa de Aragón ao mosteiro de Poblet, nomeamentos como o de Fillo Predilecto de Becerreá -a placa loce aínda na súa casa natal- ou o de Fillo Adoptivo de Alforja, Montblanc, Riudoms, Ferrol e Cardedeu; e actos como contribuír economicamente á creación da casa de exercicios de Becerreá, a onde regresaba con frecuencia.

En sintonía con esa austeridade, De Arriba y Castro rexeitou ser soterrado na catedral tarraconense. "Non quería ocupar un gran sitio", asegurou Carrete, por iso descansa na igrexa de San Pablo de Tarragona, sen xoias, sen ostentosos ornamentos e só cunha "humilde lápida".

A mostra poderase ver de martes a sábado, de 18.30 a 19.30 horas na igrexa de San Xoán de Becerreá

Agora é homenaxeado unha vez máis na súa terra, cunha exposición que se poderá ver durante todo o mes de marzo, de martes a sábado, de 18.30 a 19.30 horas na igrexa becerrense. Alí non só se poderá aprender máis sobre a curiosa e destacada traxectoria do cardeal nado en Penamaior, que se adentrou no sacerdocio con pouco máis de 20 anos -foi ordenado no ano 1914-, senón que tamén se mostran documentos históricos e reliquias vencellados á súa figura, ademais dun nutrido repaso pola relevancia da emigración do municipio en Buenos Aires, en La Habana e en Cataluña.

Proxectan unha publicación con motivo dos 100 anos da igrexa de San Xoán

Dentro da inauguración da mostra sobre o cardeal e sobre a emigración de Becerreá en América Latina e Cataluña —coa presenza do alcalde becerrense, Manuel Martínez; a de Triacastela, Olga Iglesias; e Mario Vázquez, da diocese de Lugo—, o sacerdote José Río aproveitou para anunciar que se proxecta unha publicación que conmemorará os 100 anos do inicio da construción da igrexa de San Xoán.

Colaboración

O párroco pediu a colaboración de veciños que conten con fotografías de cerimonias celebradas ao longo dos anos no templo, cuxa primeira misa foi o 27 de novembro de 1927.

Recoñemento

No acto deste domingo, ademais, entregóuselle un recoñecemento a Agapito Vila, carpinteiro xubilado de Outeiro (Quiroga) que contribúe cos seus traballos ás parroquias quiroguesas e de Becerreá.

Comentarios