viernes. 14.05.2021 |
El tiempo
viernes. 14.05.2021
El tiempo

O barallés que quixo reinar

Jesús Fernández Núñez. EP
Jesús Fernández Núñez. EP
Jesús Fernández Núñez, nacido en Neira de Rei e afincado en Tortosa, reivindicou a coroa de España fronte a Juan Carlos I e presentábase como maxestade e descendente dos Trastámara

O ditador Franco designou sucesor seu como xefe de Estado, a título de rei, a Juan Carlos de Borbón o 22 de xullo de 1969. Non por iso o barallés Jesús Fernández Núñez abandonou as súas reivindicacións como lexítimo herdeiro á Coroa. Segundo as súas palabras, expresadas en incorrecta ortografía, correspondíalle "el Trono de Alfonso VII el Emperador, de Fernando III el Santo, y de los Trastámaras". Fernández Núñez deseñou unha árbore xenealóxica que o emparentaba con Fernando I de Castilla e León, como vixésimo quinto varón da estirpe, polo que reclama "la Corona de España. La Tradición manda". Así figura na documentación recollida polo estudoso Jesús Álvarez.

Convencido dos seus dereitos hereditarios, Jesús Fernández Núñez instalou no seu domicilio de Tortosa, en Tarragona, a Secretaría da súa Chancelería Real. Desde alí distribuíu, sen descanso, tarxetas impresas con motivo da celebración de acontecementos festivos ou fúnebres que tiñan como destinatarios a gobernadores civís, ministros, alta xerarquía do clero, coñecidos e persoas expertas en heráldica, aos que facía partícipes das súas altísimas dignidades.

Como subliña Jesús Álvarez, "ao contrario do que lle aconteceu a don Quijote, que renegou dos delirios de cabaleiro andante no leito da morte, Fernández Núñez quixo ser enterrado como archiduque de Trastámara no cemiterio de San Martiño de Neira de Rei".

LÁPIDA. Hoxe, as súas pretensións son vítimas do esquecemento. Os fregueses da súa parroquia natal non poden ler a placa fúnebre de tan ilustre personaxe e tan só algúns coleccionistas de curiosidades conservan a cartalería difundida hai cincuenta anos pola Súa Maxestade Imperial don Jesús Fernández Núñez Fernández de Telo, "heredero de las Grandes Coronas y Diademas Imperiales de las Casas Reales de Trastámara, Fernández, Suevia y Foix".

Está soterrado no cemiterio de Neira de Rei, no lateral sur da igrexa. Na década dos 90 aínda se podía ler con nitidez unha lápida policromada fixada no muro do templo a carón do seu enterramento, que recollía os títulos reais e mais o escudo de SMI. "A principios deste século as letras e a pintura desta lápida fóronse esvaendo. Na actualidade, os veciños din que foi retirada do muro da igrexa por mor das obras de conservación realizadas. Parece ser que a placa se conserva no interior do templo", relata Jesús Álvarez.

ORIXE. Este barallés que quixo reinar naceu no lugar de Os Mazos. Era da casa de Esteban, posibelmente así denominada polo nome de seu pai. Quedan persoas desta familia que residen na vivenda e conservan o apelido. Participou na Guerra Civil e acadou o grao de tenente no bando sublevado, como se constata nalgunha das fotos editadas por el mesmo.

Cando xa se barruntaba que Franco ía designar sucesor, quen máis opcións tiña de reinar era Juan Carlos de Borbón, escollido desde a súa infancia polo Xeneralísimo con esta finalidade. Tampouco estaba mal situado Alfonso de Borbón Dampierre, fillo do segundo dos sucesores do rei Alfonso XIII e marido dunha neta do ditador. Neste contexto refulxe como estrela fugaz, a Súa Maxestade Imperial Jesús Fernández Núñez Fernández de Telo, fillo de Esteban, un humilde labrego de Neira de Rei, e neto de Pedro, tamén labrego e emigrante, como tantos outros galegos, en América.

O reloxeiro de orixe barallés autoproclamouse "Archiduque, Gran Príncipe de las Españas, Lugarteniente General del Reino, Gran Conde de las Galias". Tamén era herdeiro "por la gracia de Dios de la Real Casa de Trastámara, Foix, Orleáns, Suevia, Valois, Cantabria, Borgoña, Aragón, Cataluña, Valencia, Baleares, Castilla, León, Galicia y Navarra". A el chegan os "ascendientes y descendientes del hijo de Fernando el Católico y la Reina Germana de Foix, que nació el tres de mayo de 1509 en Valladolid".

Na noite dese 3 de maio de 1509 orixínase a nobreza e o sangue azul de don Jesús Fernández Núñez y Fernández de Telo. Nesa data, a raíña consorte Úrsula Xermana de Foix, casada con Fernando II de Aragón, despois da morte da raíña Isabel de Castela, encóntrase de parto e nace o infante Juan de Aragón e Foix, que sobreviviu poucas horas ao seu nacemento. De continuar con vida, o destino tíñalle reservado a este infante a coroa de Aragón, que lle correspondía por seu pai Fernando, o que rompía a a unidade dos dous reinos mantida por Isabel de Castela e Fernando de Aragón.

Afirmaba Fernández Núñez que este neno non morreu, como reitera a historiografía oficial, senón que foi trasladado con ocultación da súa identidade a San Martiño de Neira de Rei e alí sobreviviu grazas á protección dunha familia fidalga.

Na liña xenealóxica descendente desde este infante até Jesús Fernández Núñez sucédense once varóns, que conservan o sangue da Casa de Trastámara nunha liña sucesoria á Coroa do Reino de España que tería maior raigame que as dos posteriores reises vencellados ás dinastías de Habsburgo ou de Borbón.

Juan de Aragón deu orixe ao topónimo Neira de ReI
Jesús Fernández Núñez afirmaba que, desde a chegada do meniño infante Juan de Aragón ás terras do río Neira, este lugar foi denominado Neira de Rei. As Cortes de Aragón xuraran ser fieis a Xoana, a filla de Isabel e Fernando, sempre e cando este non tivese un fillo varón que o herdara. O propio Fernández sinalaba que na casa de Os Mazos "existían documentos gardados nunha maleta de madeira que arderon cando esa vivenda sufriu un incendio nos tempos nos que o seu avó se encontraba emigrado en América", afirma Jesús Álvarez.

Terra de fidalgos. Neira de Rei sempre fixo ostentación de contar con moitos fidalgos entre a veciñanza. "Na parroquia de Penarrubia, segundo constata no Catastro de Ensenada, en 1753, a fidalguía representaba o 27,45% da veciñanza", indica Álvarez. Un deles, tiña o apelido Telo, co que se identifica o Archiduque, SMI (A Súa Maxestade Imperial Jesús Fernández Nuñez Fernández de Telo). "A forma Telo, castelanizada en Tello, tamén a comparte o natural literario destas terras don Tello de Neira, malvado violador protagonista de El mejor alcalde, el rey, de Lope de Vega", engade Jesús Álvarez. Cita tamén a Evaristo Correa Calderón, quen no artigo Os fidalgos de Neira de Rei, publicado na revista Nós, recoñece que "dende moi antigo fora o val de Neira de Rei terra de fidalguía. As terras do redor poderían ser máis ricas, as colheitas mais brandidas, meirande o número de cabezas de gando en cada cás, mais trabalhadores o labregos, mais en ningum-a había en todos aquil ar de senhorío".

O barallés que quixo reinar
Comentarios