De Balgos a Vilela polo camín de Oliver Laxe

O cineasta guiou aos veciños polos lugares de 'O que arde' ►A ruta percorreu dez quilómetros por Cervantes e Navia
Algúns dos participantes na ruta. EP.
photo_camera Algúns dos participantes na ruta. EP.

Balgos e Vilela están só a dez quilómetros a pé, pero na aldea cervantega é inverno, e na naviega, verán. Iso di Oliver Laxe, que chega en tirantes ás portas do local da asociación de veciños de San Felipe, onde todos agardamos aínda abrigados ás dez da mañá. "Pero de onde vés, vecín!", di Manuel Trabado, o presidente da asociación. "É que en Navia temos sol agora mesmo", bromea Oliver. Así son as nebras dos Ancares, e así tamén a terra: unha estación enteira dunha aldea a outra, tantos cambios a cada paso.

A asociación de veciños de Balgos sempre fai varias rutas ao ano. Despois de ter que cancelar a Cata do Viño da Casa e outras actividades nestes meses, había moitas ganas de recuperar a actividade e facer algo xuntos. Oliver Laxe ten ese don. «Somos poucos, precisamos xuntarnos», dirá máis adiante. Así que, entre todos, deseñaron a ruta ata a aldea do cineasta e veciño, que os levaría por algúns dos lugares de "O que arde".

Proxectos en común: Oliver Laxe ten algo entre mans con cada veciño, arranxar un 'camín', limpar un prado, facer un censo e programar actividades

A PASO LIXEIRO. Deseñar aquí é rozar. Fidel e Pablo de Balgos, Víctor de San Martín e Eduardo de Padornelo abriron, uns días antes, un camín que levaba 50 anos sen utilizarse, dende Trabado aos Pradois. Ningunha das 25 persoas que fan a ruta recorda ter ido por alí, pero é coma se o fixesen. Todos levan alguén na memoria que de seguro sentiu como as estacións mudaban en poucos quilómetros co gando, ou para coller o coche de liña en San Martiño, ou para ir á feira.

As vistas, os nomes: aldeas veciñas
As vistas. EP.Nieves de Salqueiras presume de pasarlle o amor pola terra á súa filla, Lucía Rodríguez Fernández, autora desta fotografía. Talvez, cun xesto coma este: sinalar a súa aldea, veciña de Vilela.
 

 

Agora son eles os que van primeiro. Fidel foi brigadista na película de Oliver, e fala con emoción da experiencia. "Non sei que ten esta terra, que non houbo día nos 40 anos que pasei en Barcelona que non pensase nela", di Eduardo. Víctor é o máis novo. Vive en Nadela, pero o corpo non lle deixa pasar moitos días sen vir aquí, á aldea.

VAGARIÑA. A Nieves de Salgueiras gústalle, sen embargo, camiñar con máis vagar, e tamén a Lucía, súa filla. "Que poidas contar contos", esa debe ser a medida do paso, di. Contar, por exemplo, o orgullo que sente por Oliver e por todo o que está facendo, ela que o coñeceu aló polo ano 2011 cando quería empadroarse no concello de Navia. El tamén fala con orgullo dela, que tan ben escribiu sobre o que significa agardar por unha mensaxe do seu home, brigadista, que diga só "tamos ben". E de Lucía, coa que está elaborando un censo de centros culturais en Galicia, para convocar unha reunión cando rematen as obras do centro cultural e de desenvolvemento rural que Oliver impulsa en Vilela.

Ruta recuperada: os primeiros
Ruta recuperada. Os primeiros.En primeiro plano, Eduardo e Mercedes de Pardonelo, Víctor de San Martín e Fidel de Balgos abriron a ruta. Sebastián de Coro, Silvia ou Marta terán que volver marcala o ano que vén.

 

Por certo, era verdade o que dicía. A nebra cubre a banda de Becerreá dende Cervantes, pero cando chegamos a Navia, escampa. Co ceu limpo tamén aparecen os nomes ao lonxe: Salgueiras, Libre, Robledo, O Vilar, A Veiga. Todos eles da parroquia de Son, por onde pasa o río Ser. "Que nomes, non si, Ser e Son?", di, coma comprobando o asombro, igual que se cerciora de termos visto este ou estoutro lugar. E todo o que imos vendo pertence tanto aos ollos como ás mans. Así, tamén vai sinalando o traballo por facer: limpar o prado da Veiga da Osa, un dos mellores, a carón do río, segundo conta; desbrozar máis a subida dende o regato de Vilela, soterrar o cableado dende a fábrica da luz... El, Manolo da Veiga, Román, Severino e unha brigada do Concello de Navia desbrozaron a parte da ruta que vai dende a ponte da Veiga ata Vilela.

A RITMO DE CONTOS. Nieves tamén ten razón. Contar e camiñar non deberan separarse. E quen coñece a alguén camiñando sabe que a relación é distinta, que anda, que fai quilómetros, como dirá máis adiante o amigo ourensán de Óliver, Vicente. Que tamén o que vén de fóra marca a respiración e a conversa: as ouriceiras, os cortíns, as palleiras, talvez un promontorio dun castro, o tipo de pedra, a viga que resta da ponte de Libre, o recordo dos incendios, a rabia porque haxa casas que caen habendo xente con desexo de mercalas.

Un símbolo: o caroco de Benedicta
Un símbolo. O caroco de Benedicta.Caroco, así chaman nesta zona o interior furado dos castiñeiros. Neste goreceuse Benedicta da choiva no filme de Oliver Laxe, un espazo que xa forma parte do imaxinario galego.

 

Por fin, Vilela. As paredes de cal da Casa Quindós iluminan o val. Cantos camiños abrirá o seu brilo? Oliver aínda ten folgos para máis. "Queredes ver o caroco de Benedicta?" De camiño, pasamos pola casa que se rehabilita na película e pola que acolleu a rodaxe na cociña. Sheila de Balgos abre o camiño de silvas para chegar ao caroco. Troski, o can que nos acompañou durante todo o camiño, non o quere perder. Neste caso, o lugar xa estaba dentro de nós, e levámolo connosco á mesa para rematar o día.

Comentarios