Baleira renderá o próximo 12 de abril unha homenaxe a Florencio dos Vilares

O violinista cego, que faleceu en 1986, está considerado como un dos grandes transmisores da lingua a través do canto
Florencio dos Vilares. AEP
photo_camera Florencio dos Vilares. AEP

Florencio López Fernández (1914-1986), máis coñecido como Florencio dos Vilares ou O Cego da Fontaneira, recibirá o próximo día 12 deste mes -coincidindo co 109 aniversario do seu nacemento- a homenaxe dos seus veciños. O acto, organizado polo Concello de Baleira, en colaboración coa Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística e o Colectivo Egeria, consistirá na colocación dunha lápida na tumba onde están depositados os seus restos no cemiterio parroquial da Fontaneira.

Aínda que naceu en Pin, no concello da Fonsagrada, unha boa parte da vida de Florencio -que quedou cego de neno por mor das vexigas- transcorreu en Fontaneira, ata que aos 14 anos marchou a Os Vilares de Cubidelo para aprender a cantar e tocar o violín. Co paso do tempo, chegou a ser toda unha institución na Fonsagrada, Baleira e Ribeira de Piquín, cantando romances e coplas populares, moitas veces baseadas en feitos reais.

Xosé González Martínez, membro da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística, explica que o acto, para o que se espera a asistencia de máis dun centenar de persoas, consistirá na colocación dunha lápida coa inscrición: Florencio López Fernández. Florencio dos Vilares. O Cego da Fontaneira. Foi transmisor oral da nosa cultura e lingua nos escenarios naturais das feiras e romaxes. Xograr popular de memoria imperecedeira.

Para Xosé González Martínez, a figura de Florencio López Fernández exemplifica o feito de como "a música e a cultura pervive moitas veces a través de seres practicamente anónimos e que en moitas ocasións son maltratados pola propia sociedade", asegurou. Neste sentido, lembra que a tumba na que se atopan os restos do Cego da Fontaneira carece ata o día de hoxe de ningún tipo de placa identificativa.

Comentarios