Baleira honra os seus maiores

Unhas 200 persoas achegáronse ata o polideportivo para recuperar esta cita tras tres anos sen ela
Festa dos maiores de Baleira. XESÚS PONTE
photo_camera Festa dos maiores de Baleira. XESÚS PONTE

Xantar unha boa comida, parolar, rir, poñerse ao día e mesmo botar uns bailes. Todo iso botaban en falta as máis de 200 persoas que onte se achegaron ata o pavillón polideportivo do Cádavo para compartir a Festa dos Maiores de Baleira, unha convocatoria convertida en tradicional que despois de tres anos en suspenso volveu por todo o alto.

Son máis de dúas décadas celebrándoa, por iso para moitos é un festexo marcado en vermello no calendario.

"A xente marchou contenta, así que o balance non pode ser máis positivo", dicía o alcalde de Baleira, Ángel Martínez Puga ao remate da celebración, que arrancou cunha misa oficiada polo crego Jesús Trigo e continuou co xantar, unha lembranza para "os que non están" e música ata ben entrada a tarde a cargo do artista local Carlos.

Na Festa dos Maiores tamén estiveron presentes a conselleira de Política Social, Fabiola García, que lembrou algunhas das accións que impulsa o goberno galego a prol dos "coidados e atención dos maiores no rural". Estivo acompañada por Martínez Puga e o delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias, entre outras autoridades.

Comentarios