Arximiro, o mestre represaliado de Baleira, Rico de apelido e de corazón

Dicían que nos anos da Segunda República había dúas universidades, a de Santiago e a de San Bernabé. O mérito era do mestre, Arximiro Rico Trabada, un humanista que montou coros e bibliotecas, vilmente asasinado no 1937. O 6 de xullo recibirá unha homenaxe en Baleira coa presenza de Kathleen March ou Olga Novo, entre outras.

Escola de Arximiro Rico. EP
photo_camera Escola de Arximiro Rico. EP

Un día de comezos dos anos 30, durante a Segunda República, a escola de San Bernabé, na parroquia de Martín do concello de Baleira, recibiu a visita do inspector de educación. Por que unha das paredes estaba pintada de negro? Porque era parte do decorado dunha obra de teatro. De quen eran eses pasos que se escoitaban no andar de arriba? Pois da xente que estudaba o bacharelato e maxisterio por libre, para logo facer os exames. "Pero, Arximiro... non ten aquí unha escola, ten unha universidade!", diríalle o inspector ao mestre, segundo conta Narciso de Gabriel en 'Vida e morte dun mestre republicano', e segundo volve amentar o tamén baleirés Xavier Fernández.

"De feito, parece ser que lle ofrecera outro destino a raíz da visita, pero el quería estar alí, na súa parroquia", engade Fernández, quen artella unha homenaxe o vindeiro 6 de xullo para este mestre asasinado no 1937. Kathleen March, Pegerto Saavedra, Olga Novo, Antón Cando, José María Pin Millares, Xulio Pardo de Neyra, Uxío Otero Urtaza, Tino Días, Ricardo Polín Lourenzo Fernández e o mesmo De Gabriel serán algúns dos estudosos e poetas que se congregarán na súa memoria, e na da súa escola.

Porque... tiña unha escola, Arximiro, ou tiña un faro? Ou un mastro para navegar lonxe? De seguro que un pouco de todo. Fernández está facendo unha tese sobre a educación durante a Segunda República, na que a figura de Arximiro Rico Trabada ten un peso fundamental. Por outro lado, a súa avoa, Cándida Flora López Rodríguez, e Arximiro eran bos amigos. "Ás veces víanse na Pousada do Boieiro", que será o lugar que acolla a homenaxe en xullo. Precisamente por esa amizade Cándida fora acusada de "simpatizar con las izquierdas". Así está escrito no 'pliego de cargos' do ano 37, polo que foi arredada da súa praza na escola de Piñeira, na Fonsagrada

Cando Fernández comezou a investigar, topouse coa dura realidade de que a escola de Arximiro, construída polos veciños e que chegara a ser ese lugar extraordinario, estaba caendo. Naquel momento, iniciou unha petición en Change.org para sumar apoios para a súa rehabilitación. E con estas segue, tratando de buscar vías para que non se veña abaixo.

Non merece, a memoria de Arximiro, que caia a escola. Narciso de Gabriel botaba en falta que, de todos os testemuños que fora recadando sobre o mestre, non houbese algún negativo. Bondade e xenerosidade, tanto é así que unha vez lle dixeron: "Arximiro, así non se vai facer rico", e este respondera que o 'Rico' xa o tiña como apelido, conta De Gabriel.

"El non pensaba que o fosen matar. Os seus amigos avisárano, pero el volvera a casa aquel 16 de outubro de 1937, onde despois foron buscalo", conta Fernández. O investigador destaca que Arximiro era afín ao partido de Portela Valladares, non integrado na Fronte Popular, pero autonomista e fiel á República  —Valladares, xa no exilio, participaría xunto con Castelao no Consello de Galicia—. "Tamén era un home relixioso, aínda que non levase a relixión ás aulas", engade Fernández. "É dicir, que non o mataron por 'roxo'. Porén, encarnaba o progresismo", comenta.

O seu nome na hemeroteca de El Pueblo Gallego —o xornal de Valladares que tanto apoiou a campaña do Estatuto— dá unha idea dese progresismo. Por exemplo, a nova da inauguración da biblioteca escolar, "obtenida gracias a las gestiones del maestro", y con "cantos de alalá del coro de la Unión Cultural de San Bernabé", esa agrupación de música e teatro tamén fundada polo mestre coa que os alumnos andaron por distintos lugares da provincia e custearon tamén gastos da biblioteca. 

Fernández destaca o galeguismo que se deixa ver nos programas, coa interpretación do himno galego, ou de pezas de Leandro Carré ou de Rosalía de Castro, galeguismo que tiña en Lugo un dos seus centros fundamentais no país. A Festa da Árbore, por el impulsada, ou a súa participación na Unión de Labregos de Montecubeiro o 14 de abril de 1936 para celebrar a festa da República —onde, segundo di a nova, falou da importancia da cultura— son outros dos recortes de prensa dese tempo.

Polo que conta De Gabriel, a través da memoria oral del gardada, Rico asesoraba sobre os cultivos, recomendaba remedios a falta de médico, mediaba nos conflitos, sabía de trobos e de abellas. "Era un humanista, un deses homes de antes, cando os saberes non estaban compartimentados", comenta Fernández. 

Na investigación de De Gabriel pode seguirse o proceso polo que Arximiro Rico foi reposto na escola pola Inspección, despois de que as autoridades locais nomearan outra mestra tras o golpe de Estado. De feito, case todas as familias asinaran unha carta no seu favor, e mesmo o alcalde informara favorablemente da súa actividade. Se cadra por todo iso volvera a casa aquel día, a pesar das advertencias dos seus amigos polo medo a unha forte represión exemplarizante na zona tras a morte a tiros de dous gardas civís que perseguiran a varios fuxidos. 

Conta tamén Xosé Manuel Sarille, profesor e loitador pola memoria histórica de Castroverde, no artigo 'Arximiro Rico. Luz dos humildes' —que deveu máis tarde nun libro homónimo sobre Arximiro con De Gabriel— que o feito de que os falanxistas non desen "cazado" a Bonifacio Sarrille, impulsor da Unión de Labradores de Montecubeiro, fai que "maten indiscriminadamente para que se entregue, violen, torturen, estren o territorio de Montecubeiro de cadáveres e estendesen a represión ao concello limítrofe".

O que sufriu Arximiro Rico case é imposible de contar. Sacáronlle os ollos, cortáronlle a lingua e os testículos, e despois matárono a tiros de escopeta. A última lección do mestre. Atila en Galicia. A sangue dos mestres nas cunetas, da que tamén deu testemuño Pimentel.

Da memoria deste querido mestre tense ocupado tamén María Antonia Iglesias, en 'Maestros de la República'. Xavier Fernández tratou a súa figura en diferentes congresos, o último o pasado 4 de maio, organizado pola Asociación Galega de Antropoloxía. 

A homenaxe do 6 de xullo busca tamén artellar unha asociación para impulsar a recuperación do seu legado, de todo o que as velas desa escola levaron a un futuro que aínda entende como noso, de toda aquela innovación pedagóxica que segue a ser un modelo hoxe en día. 

"O meu soño é que os nenos volvan entrar aí, onde hai aínda pupitres e materiais das Misións Pedagóxicas", di Fernández. "Oxalá chegue a ser un espazo aberto, un proxecto da comunidade, porque hoxe está en estado de abandono, pero continúa rexamente en pé, nobre e afouta como os soños que alí se xuntaban", comenta. Non pode caer a escola de Arximiro.Porque era un faro. Unha biblioteca. Un barco.

Os amigos de Arximiro

A homenaxe comezará no lugar do Loureiro ás 12.00 horas, onde está a escola de Arximiro, tan pretiño de San Bernabé, de onde el era oriúndo, que así se lle chamou sempre, a escola de San Bernabé.

A xornada continuará na Pousada do Boieiro, na parroquia de Cubilledo, un lugar xa significativo na vida de Arximiro. Farase alí unha comida campestre sufragada pola organización, á que seguirán as conferencias.

Comentarios