Arrancan as obras de teitado da palloza museo do Cebreiro

Con esta intervención quedarán restauradas as catro edificacións do conxunto etnográfico
Obras do teitado do Museo no Cebreiro. EP
photo_camera Obras do teitado do Museo no Cebreiro. EP

A palloza museo do Cebreiro vestirá un novo teito tradicional feito con mollos de centeo. As obras para restaurar a cuberta tradicional desta edificación comezaron a semana pasada, e con elas se completará a rehabilitación das catro pallozas que conforman o conxunto etnográfico desta aldea, que a Consellería de Cultura e Turismo puxo en marcha en xuño.

A restauración da palloza museo é a máis complexa do conxunto. Nas outras tres -Quico, Campelo e Galán- aproveitáronse as madeiras e incluso as partes de centeo en bo estado, pero a do museo require levantar non só o centeo, senón tamén os cangos e as ripias que conforman a estrutura de madeira que os soporta, polo que os traballos se demorarán ata mediados do mes que vén, se o tempo acompaña. Iso si, unha vez rematados, o centeo aguantará as invernías rigorosas deste lugar coas súas propiedades impermeables.

Ademais, o traballo de teitado é totalmente artesán. Unha navalla e unha paleta de freixo son as únicas ferramentas das que dispoñen os teitadores, un oficio tan escaso coma prezado.

Neste caso, o traballo de restauración foi adxudicado á empresa Resconsa por un total de 161.000 euros, que inclúe as intervencións nas catro edificacións. As actuacións tamén inclúen a substitución ou reparación de lousas nos accesos, a mellora das instalacións de electricidade e a aplicación de tratamentos para evitar os ataques de insectos xilófagos, algo que é necesario actualmente ante a falta de fume que as mantiña en mellor conservación cando estaban habitadas.

Esta palloza museo, que conta con 300 metros cadrados, ofrece aos visitantes un panorama de como era a vida no interior destas casas cuxa estrutura se remonta ao Neolítico e que estiveron poboadas nos Ancares até ben entrada a década dos 70. Ademais, o conxunto etnográfico do Cebreiro está recoñecido como Ben de Interese Cultural, por onde entra en Galicia o Camiño Francés.

Comentarios