martes. 22.06.2021 |
El tiempo
martes. 22.06.2021
El tiempo

O argueiro que non se ha querer quitar

Lucía Rodríguez Fernández. NIEVES FERNÁNDEZ ALONSO
Lucía Rodríguez Fernández. NIEVES FERNÁNDEZ ALONSO
Lucía Rodríuguez, veciña de Navia, fai do seu TFG en Publicidade un portal nas redes par aque Os Ancares entren polo ollos e xa non saian

Argueiro dícese nas montañas orientais de Lugo daquela cousiña que se mete no ollo, pequena pero teimosa, unha partícula moitas veces vinda da mesma herba. Lucía Rodríguez Fernández é un argueiro, ou un argueirín. A todos os nenos e nenas dos Ancares chamáronlles algunha vez así, pero Lucía medrou sen que llo deixaran de dicir ao chegar a casa. E ese foi o nome que esta veciña de Navia e estudante de Publicidade e Relacións Públicas na Universidade de Vigo deu ao portal que está a desenvolver como Traballo de Fin de Grao (TFG). Con el, quere que Os Ancares se metan nos ollos coma un argueiro que xa non se queira quitar, teimar ata que a mirada se abra ao que quere amosar.

En Facebook e Instagram Lucía Rodríguez xa está a despregar esa flor de seis brazos que dá imaxe á marca do Argueiro. Cada pétala será para unha dimensión dos Ancares a divulgar no seu portal: a tradición, a xente, as marcas de produtos artesáns, a paisaxe, a cultura e as imaxes. "Quero falar da parte máis descoñecida dos Ancares, pois todo o mundo sabe que é un lugar fermoso, con montañas marabillosas, pero moitas veces descoñécese —incluso ás veces nós mesmas— o que hai dentro", indica.

Ela, por exemplo, non sabía que tiña esa flor ou estrela de seis puntas na casa (na fotografía). Pertencía ao hórreo da súa casa paterna, en Salgueiras, un hórreo que se perdeu nos anos 50 pero do que a familia gardou unha táboa con ese motivo recortado no castiñeiro. A táboa pasou a ocupar un lugar especial no teito da casa, e a súa nai rescatouna cando volveron lousar. "Dos hórreos dos Ancares fálase menos que das pallozas, e eu quería que fosen importantes no proxecto. Cando llo contei á miña nai, díxome que gardabamos esta peza", conta.

O argueiro é así, insiste, molesta un pouco, se cadra para que espertemos a algo. Cómpre facerlle caso, como a Lucía. De aquí ao día 1 de xuño publicará a diario nas redes historias que, no fondo, buscan debuxar esoutra flor ou estrela dos Ancares, ás veces non tan visible, que terma do do teito das casas. Como sabe que non é posible chegar a todas partes, agradece que, quen queira contar a súa historia, lle escriba ao seu correo electrónico, [email protected].

Con todas as voces creará un relato sobre o pasado, o presente e o futuro da comarca. "Nos últimos tempos tivemos un pulo. O que arde axudou moito, deu inspiración á xente nova para facer cousas aquí", destaca este argueirín.

O argueiro que non se ha querer quitar
Comentarios