A área de Medio Rural e Corripa organizan outra edición de Ciencia na aldea en Negueira

A cita celebrarase do 28 ao 30 de abril en Pena da Nogueira e reunirá investigadores de referencia de todo o Estado
Alberto Uría e Mónica Freire. EP
photo_camera Alberto Uría e Mónica Freire. EP

Corripa celebrarán unha terceira edición das xornadas de Ciencia na aldea, que terán lugar do 28 ao 30 de abril no ecomuseo El País del Abeyeiro, en Pena da Nogueira, en Negueira de Muñiz.

Un ano máis, esta aldea estremeira con Asturias será vangarda da divulgación sobre a conservación da diversidade no país. No encontro, participarán unha quincena de investigadores e divulgadores de distintos puntos do Estado que achegarán visións diversas sobre a biodiversidade e as contornas rurais.

Segundo contaron este venres na presentación o apicultor Alberto Uría e a deputada Mónica Freire, esta terceira edición artéllase á volta de figuras pioneiras no estudo, conservación e divulgación da biodiversidade a nivel mundial, coma o cartógrafo Félix de Azara, o científico Charles Darwin, o xeógrafo e explorador Alexander Von Humboldt, o naturalista Linneo, a ilustradora Maria Sybilla Merian ou a poeta Rosalía de Castro.

O programa inclúe mesas redondas e comunicacións, con paseos guiados polo xardín de polinizadores que leva o nome de Fernando Fueyo —inaugurado o ano pasado— ou polo souto adicado a Humboldt, que se está poñendo en valor.

A responsable provincial destacou "o valor desta cita de marcada singularidade e creatividade, que á vez demostra o relevante que é conservar as nosas paisaxes e patrimonio natural, algo só posible cun apoio real ás persoas que desenvolven os seus proxectos laborais e vitais no medio rural". As inscricións para participar nestas xornadas científicas poden realizarse na web www.asociacioncorripa.org, ou no teléfono 900.26.43.26 a partir das 9.00 horas deste sábado. O número de prazas limitarase a 55, e a participación é gratuíta.

As xornadas comezarán o día 28 ás 17.00 horas coa mesa Conservación de especies e retos futuros, cos mesmos Rancaño e Uría, e tamén con Vanessa Paredes, presidenta da Asociación Corripa. Ás 17.45, Serafín González Prieto, investigador científico do CSIC e presidente da Sociedade Galega de Historia Natural, falará sobre a problemática dos incendios forestais e, ás 18.45, María Melero, de WWF Adena, sobre a situación dos bosques.

Logo dunha pausa, o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, presentará a comunicación Rosalía de Castro: a súa terra e o seu pobo ás 20.00 horas. A cea celebrarase na Casa Sidrón, en Pieiga.

O sábado 29 de abril estará dedicado aos pioneiros da ciencia. A xornada comezará ás 9.30 horas con Félix Torres, taxónomo e entomólogo da Universidade de Salamanca que achegará a figura do Carlos Linneo. Continuará ás 10.30 con Xavier Sistach, especialista en Historia Natural e Antiga dos insectos, que falará de Maria Sybilla Merian.

Ás 11.45, a mesa redonda Comunicar O Rural reunirá a Sandra Sutherland, informadora de RTVE; Pedro Cáceres, fundador de El Ágora Diario del Agua; Óscar Prada, da plataforma de Custodia do Territorio da Fundación Biodiversidade; Marta Veiga, xornalista e integrante do comité de redacción da Revista Luzes.

Ás 13.00 celebrarase o paseo guiado polo Xardín de Polinizadores Fernando Fueyo cos entomólogos José Carlos Otero, Félix Torres e Alberto Uría, ao que seguirá, logo da comida, o paseo polo souto da man doutro entomólogo, José Carlos Otero. A tarde seguirá coa neurobióloga Conchi Lilo, o biólogo e doutor en Ecoloxía Alex Richter-Boix e o presidente da Asociación de Amigos de Doñana, Javier Castroviejo.

A xornada rematará cunha mesa redonda sobre divulgación científica ás 19.45 na que participará Natalia Ruiz Zelmanovitch, divulgadora científica do CSIC; Conchi Lillo, neurobióloga; Alex Richter-Boix, biólogo e divulgador científico; Manuel González, astrónomo do Instituto de Astrofísica de Andalucía e Roberto Lozan, da Fundación Osíxeno.

A xornada do domingo estará centrada no souto, e nela participarán Vanessa Paredes, Alberto Uría, Bernabé Moya e Félix Torres e David Despau, ilustrador. A xornada continuarrá coas actuacións musicais de Davide Salvado, Alonso e Los Ojazos e Natalia Ruiz e Manuel González. Logo dunha comida popular, pechará a xornada Fé Álvarez, ambientóloga e Xerente do GDR Montes e Vales Orientais), canda aos organizadores.

Comentarios