Para aprender das ruínas da Fonsagrada

Alumnos do máster en Dirección de Actividades Educativas na Natureza de Lugo foron ata a ferrería do Vilar de Cuíña ou o castro de Castañoso
O alumnado do máster coñeceu ruínas fonsagradinas para dar conta da súa importancia. EP
photo_camera O alumnado do máster coñeceu ruínas fonsagradinas para dar conta da súa importancia. EP

Das ruínas tamén se aprende. "Son un elemento de recordo e mentres non desaparecen, manteñen o fantasma do lugar", di o catedrático emérito da USC Eugenio Otero Urtaza, que acompañou a 21 alumnos –de China, Arxentina, Uruguay, Portugal, Navarra, Asturias, Alicante e o resto de Galicia– do máster de Dirección de Actividades Educativas na Natureza do campus Terra de Lugo durante as súas inmersións entre o pasado e as vellas infraestruturas da Fonsagrada. "Fálannos da nosa historia", engade.

Os rapaces descubriron o papel da ferrería do Vilar de Cuíña, onde se fabricaban os cravos para a Armada no século XIX 

O pasado venres realizaron o Camiño da República, poñendo o foco na enxeñaría abandonada, para pasar pola Fornaza e a ferrería do Vilar de Cuíña, "que chegou a ser no século XIX a máis importante do noroeste porque nela se facían todos os cravos da Armada". Alí, di Otero, "montamos unha historia a través dun xogo de rol", para rematar na seimeira de Vilagocende.

O sábado foi a quenda das ruínas que falan do pasado máis remoto da Fonsagrada e do máis recente. Iniciaron a xornada no castro de Castañoso "viaxando no tempo" e, nese pequeno asentamento de hai uns 2.000 anos que parece xirar arredor da súa gran sauna, "imaxinamos como vivían os seus moradores, como usaban a sauna, por que era tan grande...". De aí saltaron milenios ata hai uns 30 anos, cando se abandonou a ferrería de Romeán, que tiña tamén cantina e muíño. Por ela viaxaron acompañados do último ferreiro.

Eugenio Otero incide na importancia de que os futuros formadores "eduquen na importancia da natureza"

Da experiencia sacarán conclusións proximamente, dentro do obxectivo que se marcan desde o máster: "Que os futuros formadores e profesores eduquen na importancia da natureza", sostén Eugenio Otero, consciente de que "cada vez máis nenos se moven menos, pola influencia dos ordenadores e o mundo dixital".

El destaca o valor de contar con este máster no campus Terra desde o curso 2011-2021. Lugo é a única cidade de España na que se imparte, pese a ser ben común en países como Escocia, Alemaña, Estados Unidos ou Australia. Ademais, nel participan 17 áreas de coñecemento máis alá das vencelladas a Formación do Profesorado, como botánica ou economía.

Comentarios