"Ao mercar un produto coma o queixo do Cebreiro, axudamos á pervivencia dunha comunidade"

Foi a raíz da pandemia que Adrián Lago considerou deixar de vender outros produtos en traballos relacionados co márketing, a impulsar o que a súa familia leva producindo dende o 1989, o queixo do Cebreiro, na queixería Castelo de Brañas, a primeira que deu o salto da produción caseira á comercialización
Generated by  IJG JPEG Library
photo_camera Adrián Pérez Lago. EP

Adrián Pérez Lago pasou de vender outros produtos, en traballos relacionados co márketing en distintas empresas, a facelo co que a súa familia viña comercializando dende o 1989, o queixo do Cebreiro, da man da queixería Castelo de Brañas, un produto galardoado en certames estatais e internacionais e que goza, dende hai un ano —cando o rexistro se puxo en marcha— do selo de queixo artesán.

Que o levou a implicarse máis no negocio?

A min os queixos danme exactamente igual, é máis ben unha cuestión de respecto ao que se dedicou o meu pai. Chega un punto no que tes que decidir que fas. Ou deixas que vaia morrendo pouco a pouco, ou intentas darlle un pouco de forza e puír os cambios que hai que ir facendo para axustarse ás novas necesidades do mercado e da administración.

Como foi a decisión?

Fun traballador precario en distintos lugares. De feito, dediqueime a temas de marketing, e pensei que, para vender outros produtos, pois vendo o meu queixo, que creo nel e penso que vale moito máis. Pero non ten ningún romanticismo. Se isto fose unha ferretería, un restaurante, ou unha asesoría, faría o mesmo. O traballo que fixeron os meus pais foi o que me permitiu estudar tranquilamente e deambular polo mundo xogando a distintas profesións. Esa foi a estabilidade que me deron dende a casa, e agora toca devolvela.

Fai esa advertencia contra o relato romántico. Abúsase del?

Si, penso que a xente afástase da realidade para xustificar as súas decisións, e que se abusa de relatos de emprendemento e motivadores... Moitas veces cando me convidan a falar a un sitio con esa filosofía emprendedora digo que emprendedor non son, como moito dedícome ao mantemento dunha empresa. Emprendedor foi o meu pai. Ás veces, vexo que a segunda xeración dun negocio arrampla con todo. Agora fomos á universidade, pero quen trouxo ata aquí estas empresas tamén ten un coñecemento de moitos anos.

"Non queremos que o noso queixo se converta nun produto de elite, queremos que sexa un produto accesible"

Ve este relato romántico especialmente asociado ao rural?

Creo que é máis doado de identificar, pero que se atopa en todas partes.

No caso do marketing, hai traballo que facer no que se refire aos produtos da Montaña?

O difícil é transmitir o valor. Hai xente que se fía dos prezos para distinguir un produto bo, pero no noso caso intentamos envolver o noso produto de connotacións e valores que xustifiquen esa diferenza de prezo. Hai que dicir por que o quilo do queixo do Cebreiro custa dous euros máis ca un queixo crema industrial. Estar nesta ubicación, conservar un modelo de produción artesán, unha cultura... son parte das razóns. Por iso, ao mercar ese produto, a xente axuda á pervivencia da comunidade. Penso que os produtos da Montaña, e de Galicia en xeral, van por esa liña.

Nese caso, non é un relato romántico.

Non, é real. É unha fotografía da nosa realidade. O noso día a día xa ten carga romántica suficiente. Ás veces atopan o noso produto nunha área comercial, e méteno no eido da industria. Para nós ese escaparate é só unha vía de chegar ao público, pero a realidade nosa é ben distinta.

A queixería Castelo de Brañas foi a primeira en comercializar este produto.

Exacto, no 89, cando este queixo estaba a piques de desaparecer. Naquel momento había que pasteurizar o leite e cumprir a normativa, o que obrigou a aprender a facer o queixo de novo. Foron moitos anos de ensaio erro ata atopar o xeito de facelo semellante ao que facían as señoras na casa. Naquel momento, o salto foi moi grande.

Na súa casa facíase o queixo?

Si, miña avoa facía, e moitas señoras da zona. Nós non somos unha zona de produción de leite, nunha houbo grandes granxas, senón pequenas terras, con poucas cabezas, co queixo para autoconsumo. Por iso a denominación colle hoxe todos os concellos da Montaña; en Pedrafita a produción é moi reducida.

Aínda que era un queixo para autoconsumo, tiña moita sona.

Na historia do Reino de Galicia de Seguín defínese como un dos máis delicados do mundo. E así deberon consideralo na Casa Real, segundo se desprende dunha orde de 1746, que dispoñía o envío semanal deste queixo para o consumo nas casas reais. Carlos III agasallaba con el á súa irmá, a raíña de Portugal.

Agora tamén o comercializan curado.

Xa o comezou a madurar a queixería de Castroverde, e nós comezamos no 2020, cando tivemos queixo de sobra para madurar, pois normalmente non temos. De momento estamos xogando con el. Porén, se temos que presentarnos cun produto, facémolo co fresco.

Hoxe segue a ser un queixo galardoado.

Si, é un queixo moi singular, que non é doado incluír nunha categoría. Quen o proba sorpréndese, porque é moi distinto a outros queixos frescos, cunha textura granulosa. De primeiras, gaña en calquera concurso. Porén, alén das distincións, o que queremos é que o público o valore e o siga comprando. Non queremos que o noso queixo se converta nun produto dunha elite, xa non só económica, senón dunha elite de entendidos. Queremos que sexa un queixo accesible a todo o mundo, que sexa o queixo que teñan nas súas cociñas.

Comentarios