Antonio del Pueblo: "Nos Ancares a gandería é heroica, pero sen ela... que sería da zona?"

Este cervantego vén de asumir a presidencia da cooperativa A Carqueixa, colectivo que reúne 215 gandeiros con vacas en extensivo. A entidade está a consolidar vías de comercialización novas, como internet ou os postos na Praza de Abastos, en busca da remuda xeracional
 
Antonio del Pueblo. NN
photo_camera Antonio del Pueblo. NN

A cooperativa A Carqueixa ten novo presidente. Antonio del Pueblo, veciño de Moreira, en Cervantes, toma a remuda de José Antonio Díaz Palillo logo da súa xubilación, e con el unha historia de resistencia e de traballo comunal para manter vivas as montañas dos Ancares.

Cando entrou na cooperativa?
Eu fun un dos primeiros en entrar, despois da súa creación no ano 1994, impulsada polo Centro de Desenvolvemento Ancares. Daquela, as vacas estaban ao nome da miña nai, eu herdei a granxa e dende 2011 a gandería é a miña única actividade. D

urante nove anos traballou tamén para a Fundación Oso Pardo, o que quebra esa idea antagonista que moitas veces se presenta entre a gandería e a conservación dos grandes mamíferos.
Estiven traballando neste tempo co proxecto Life Oso Ancares Courel, e foi un moi bo traballo. Facía labores de rastrexo, vixilancia, e tamén instalacións de pastores eléctricos. É certo que atopei moitas reticencias, coma se o oso fose un inimigo da gandería. Porén, o oso non é carnívoro. O lobo causa máis problemas. Con todo, teño que dicir que, no que vai de ano, non sufrimos ningún ataque. Ten moito que ver o feito de termos mastíns, que marcan o monte e lle poñen límite, e iso que temos todo en extensivo. Eu sempre estarei a favor da conservación. Hai que buscar un equilibrio.

Ademais, os gandeiros da Carqueixa sodes os únicos en toda Galicia que mantedes a transhumancia.
Si, cada ano levamos as vacas nos meses de verán aos prados de altura de Campo del Agua, en León. Por suposto, só as que non teñen cría, que se protexen mellor do lobo. Ademais, no meu caso, mándoas xeolocalizadas, e é unha tranquilidade. Podes mirar o móbil e saber onde está, se está comendo, se está pacendo...

Este desprazamento estacional vén marcado pola falta de superficie de pastos, non si?
Aquí a gandería é heroica, coma ben dixo Oliver Laxe na campaña que fixo para a nosa cooperativa. Temos pouca base territorial, pero aquí non hai pozos de purín, e as vacas comen a mellor herba dos prados de altura, e iso nótase. Ir a Campo del Agua cústanos, non xa polos 20 quilómetros que separan os lugares, senón polo alugueiro do monte. Unha vez dixéronnos que tería que ser ao revés, que nos tiñan que pagar a nós por limpar o monte co gando.

Non está suficientemente valorado ese labor de custodia do territorio que implica a gandería extensiva?
Non está, non. Aquí custa moito traballo termos ganderías rendibles, pois non temos superficie. Vívese hoxe con 30 vacas coma antes se vivía con oito. Porén, debera ser valorado. Porque, se non fose por esta gandería, que sería destes pobos? Sería todo monte, e ardería. Xa pasou no ano 2017, aquí foron os veciños os que salvaron as aldeas do lume.

Neste contexto, que supón a cooperativa para os gandeiros?
Temos que xuntarnos. Cando Ramiro Martínez, o cura de Cervantes, impulsou a asociación de gandeiros para loitar por esta zona, a idea era axustar por algún lugar os prezos para poder manter estas ganderías. Así, a nosa loita foi a de saltar o intermediario, e vender ao matadoiro.

Cada ano facemos a transhumancia e levamos as vacas aos prados de altura do lado leonés durante o verán"

Dende entón, a cooperativa deu xa moitos pasos ata a comercialización.
Si, no ano 2019 Román Sánchez, o xerente, impulsou a comercialización por internet, e dende entón non parou de propoñer cousas e sacar adiante proxectos. Agora temos dous postos na Praza de Abastos de Lugo, con dous carniceiros traballando. Vimos tamén de lanzar a comercialización de produtos elaborados, que está a ter moi boa acollida, pois a xente ten cada vez menos tempo para cociñar e é moi bo dar esta alternativa cun bo produto. Tamén falamos nas escolas co proxecto Mestres Gandeiros, que ten a súa propia web. Niso fai fincapé Román, en destacar a importancia da cesta da compra, do que implica para nós.

Que supoñen para os gandeiros estas iniciativas?
Nun sentido económico, comercializarmos nós a carne supón unha diferenza de 150 ou 200 euros por xato. Aínda así, a carnicería, o envasado, o envío... todo custa moito para os prezos e as condicións que temos actualmente.

Como está a cuestión da remuda xeracional, houbo novas incorporacións?
É o noso reto. Agora mesmo somos 215 gandeiros na cooperativa, aínda que somos menos os que estamos en activo, pois a xubilación non implica a saída da cooperativa, tamén por un sentido de pertenza. Nos últimos tempos houbo novas incorporacións, e hai dous novos gandeiros de 24 anos.

Comentarios