Os Ancares honra o seu mestre

Unhas 200 persoas asistiron á homenaxe a Marcial Bernedo, que foi profesor e director no colexio de Cervantes e un firme defensor dos dereitos educativos dos alumnos das zonas rurais
Marcial Bernedo, na homenaxe. EP
photo_camera Marcial Bernedo, na homenaxe. EP

Marcial Bernedo botou case corenta anos envorcado na docencia e na defensa dos dereitos educativos dos escolares dos Ancares. Os veciños de Cervantes quixeron recoñecerlle este esforzo coa organización dunha homenaxe á que non faltaron varias xeracións de estudantes, compañeiros de docencia espallados por toda Galicia e membros da comunidade educativa. Unha das súas exalumnas desprazouse desde Bélxica para participar neste reencontro co vello mestre nun acto que congregou 200 persoas.

"Con este emotivo acto quixemos agradecerlle tanta dedicación, xenerosidade e honestidade", subliña Isabel Calvete, presidenta da Anpa do CPI de Cervantes. "Sempre atendeu calquera proposta en beneficio dos nenos e fixo do noso colexio un centro pioneiro na organización de viaxes e de actividades na procura de que os alumnos rural estivesen en igualdade cos da cidade", engade Calvete.

Bernedo xubilouse en 2020, pero a pandemia obrigou a aprazar a homenaxe ata o pasado domingo, no que lle entregaron un libro con dedicatorias e frases de agradecemento, así como un agasallo feito por unha artista do metal naviega.

Este xantar popular serviu de recoñecemento a un profesor vocacional que comezou a percorrer as corredoiras da Montaña co programa Preescolar na Casa, o proxecto impulsado por Manuel Gandoy, o crego da bicicleta lugués. Daquela encárgabase da área de Pedrafita, Cervantes e Becerreá, Despois pasou ao colexio público de San Román, onde permaneceu desde 1983 ata 2020. Destes 37 anos, 34 exerceu de director.

TEMPOS DIFÍCILES. Nos seus comezos, Marcial Bernedo viviu un tempo marcado polas pésimas infraestruturas viarias. Aínda existía a escola fogar de San Román, que acollía en rexime de internado 146 alumnos do concello e de aldeas cercanas de Navia. Tamén se abriron nos anos 80 os colexios de Doiras e Donís. Eran tempos de puxanza das matrículas, pero o paulatino abandono rural fixo que se pechase a escola fogar no 1996, ano no que o colexio cervantego se converteu en CPI ao impartir tamén secundaria.

O ensino cambiou durante a longa traxectoria profesional de Marcial Bernedo. "Hoxe hai un maior equipamento tecnolóxico nas casas, impensable hai 30 ou 40 anos. Os escolares evolucionaron como o fixo a sociedade, pero as familias de Cervantes son conscientes do valor da educación e préstanlle unha especial atención", di o homenaxeado.

Isabel Calvete lembra que unha das grandes teimas de Marcial Bernedo foi "a busca da discriminación positiva, dun ensino rural de calidade". O veterano docente tamén insiste na necesidade de "ter unha sensibilidade especial hacia a educación en áreas rurais. Hai que garantir os dereitos dos nenos, aínda que haxa que gastar máis fondos, de xeito que os alumnos de zonas illadas teñan as mesmas posibilidades que os alumnos das áreas urbanas", manifesta Bernedo.

A PAIXÓN DAS VIAXES. O exdirector do CPI de Cervantes tivo sempre un especial interese na organización de viaxes. Entendía que era "un instrumento importante no proceso de aprendizaxe e unha oportunidade para que os estudantes coñezan outras realidades", precisa Bernedo. Os intercambios co colexio de Fisterra permitían que os pequenos viran as diferenzas entre a Galicia interior e a mariñeira. Pero tamén poideron coñecer diferentes cidades españolas e países como Francia, Italia, Inglaterra ou Portugal.

Foi unha xornada cargada de emocións para Marcial Bernedo, que agradece o esforzo dos organizadores e a presenza de veciños e excompañeiros de docencia que o acompañaron nunha data tan significada.

Comentarios