A comarca dos Ancares estrea esta fin de semana asociación de motos e coches clásicos cunha concentración destes vehículos. O colectivo Metaco inicia así a súa actividade, visto que "en la zona no había eventos de este tipo y, sin embargo, hay mucha gente con coches históricos", indica Andrés Donate, o presidente dunha agrupación que se formalizou o pasado mes de marzo e que se dará a coñecer este sábado.
Ese día partirán da Praza Maior de Baralla, a iso das 9.30 horas, arredor de 55 vehículos cuxa antigüidade supera os 25 anos ou os considerados como de colección ou declarados de interese cultural. Esta afluencia traducirase en "unas 110 personas", ás que se sumarán todos aqueles que estean interesados en observar de preto algún dos vehículos participantes na marcha. E é que a caravana percorrerá, tal e como se indica no programa do evento, Neira de Rei, Fonchave, Restelo, Navia de Suarna -onde pararán na praza-, San Martín e Becerreá, punto e final da ruta no que os inscritos desfrutarán dun xantar no restaurante Rivera.
Alí haberá ademais trofeos para o vehículo máis antigo, o que veña de máis lonxe ou o club máis numeroso, entre outras cualidades, así como sorteo de agasallos facilitados por empresas que quixeron colaborar con esta primeira concentración de clásicos nos Ancares.
A concentración rematará con entrega de trofeos e de agasallos entre os asistentes
Para Andrés Donate, que fala en nome dos seus compañeiros de asociación, dar forma a unha xornada así era unha vella aspiración, pois aínda que a afección a estes coches e motos está presente na comarca, "nadie se animaba a organizar un evento".
No caso dos catro membros que forman a directiva de Metaco, o gusto polos clásicos vén desde que eran nenos e non deixan de ser, explica Andrés, "amigos de antes que compartimos una afición". Un hobby, engade entre risas, do que é difícil saír: "Esto va por fases, y ahora estamos en la de acumulación", conta ao referirse á cantidade de automóbiles clásicos que teñen no seu haber, "uno tiene siete, otro tiene cuatro, otro uno...".
Así mesmo, desde Metaco subliñan que esta iniciativa se leva a cabo, ademais, "para generar movimiento en la zona y aprovechando el tirón de la Vía Künig", asociación que, xunto aos tres concellos polos que pasa a ruta e Caixa Rural Galega, colabora na organización do evento.