Amador Fonfría: "Aurora' era miña nai e evoca o meu amencer como escritor"

O santuario do Cebreiro acolle este sábado a presentación do primeiro poemario deste veciño da Ferrería, de Vega de Valcarce
O escritor berciano Amador Fonfría. EP
photo_camera O escritor berciano Amador Fonfría. EP

Amador Fonfría Santín naceu e vive na Ferrería, en Vega de Valcarce, pero son moitos os nexos que o unen ao Cebreiro. O máis inmediato, levar este sábado o seu primeiro poemario, Aurora, ao santuario da localidade para a súa presentación.

Que vai atopar o lector nesta obra?
Aurora ten tres partes: unha de amor e desamor, cun eu máis afastado e outro máis próximo; outra parte sobre a dor e a morte, que é a máis íntima e a que está adicada a miña nai, e unha terceira na que falo doutras sacudidas, de situacións da vida e cousas que me sorprenden.

Vai pola terceira edición. Como se lanzou a escribir?
Hai anos escribía na revista Joyce sobre perfumes, pero foi a morte de miña nai a causa dun cancro de páncreas o punto de inflexión. Descolocoume, e apunteime a varios talleres de escritura. De feito, publiquei antoloxías de relatos en 2017, 2020 e o ano pasado, referido ao Bierzo.

Por que ese nome para este poemario?
Aurora era miña nai e eu quería que o título fose curto, que evocase, que tivese algo do contido do libro e que simbolizase o meu amencer como escritor. Este nome engloba a esencia desta obra.

Vaise presentar este sábado, ás 20.00 horas, na igrexa do Cebreiro. Que o conecta a este lugar?
Quédame ao pé de onde vivo. Ademais, son o carteiro que vai a case todas as aldeas de Vega ata La Laguna e, para a xente de por aquí, o Santo Milagre é moi significativo. Estou xa escribindo outro poemario no que falo do Cebreiro e dunha historia da miña avoa Jesusa, unha muller moi crente que se ofreceu a ir de xeonllos ao santuario e que me contou que, ao chegar, na noite, houbo unha luz que a freou.

Quen o acompañará hoxe?

O frade do Cebreiro, Francisco Castro Miramontes. Alí haberá tamén libros dispoñibles para quen os queira.

Comentarios