Amador Arias, o actor de 'O que arde' pinta A Fonsagrada

Amosa unha das súas moitas facetas artísticas con un mural para o bar Lúa no que combina motivos cinematográficos con elementos representativos da vila
2021070418312233737
photo_camera Amador Arias pintando o mural na terraza do bar Lúa. EP

A última vez que vimos a Amador Arias foi nun videoclip de música electrónica para o grupo fonsagradino Atrás Tigre. Agora está inmerso no seu seguinte proxecto: un mural decorativo que está a pintar na terraza da cafetería Lúa deste municipio. Dende ese establecemento Iago Fernández explica que a iniciativa xurdiu "por amizade". Recoñece que pola súa participación na película 'O que arde', de Oliver Laxe, a firma de Arias será un valor engadido, pero tamén destaca a calidade artística do seu traballo dende sempre e di que «non foi só polo nome, é por máis cousas, sabemos que é un artista e todo o que fai é ben acollido na zona».

Arias explica que a pintura é un conxunto de varias figuras, entre as que se atopan Castelao, a "chaqueta que foi aos Goya" -que era unha referencia á autocaricatura do escritor e debuxante do grupo Nós- e a silueta da actriz Katharine Hepburn. Quixo pintar tamén a gata da súa filla, a poeta e xornalista Xiana Arias. Segundo conta el mesmo, o animal foille de moita axuda: "A gata non sabe se é gata ou pantera, non lle ten medo a nada e púxenlle unha mirada que vas andando e te segue cos ollos".

Tamén reproduciu, con permiso dos seus descendentes, a viñeta do humorista gráfico Forges que reza 'A Fonsagrada! A raíña da montaña!'. Outras figuras que aparecen na pintura son un cabalo salvaxe cunha crina moi mesta, "unha muller de moitas cores" e "o pirulí da Fonsagrada, que o meto en todos os debuxos", referíndose ao vello depósito de auga tan característico da vista do horizonte da vila.

Para Arias este tipo de accións son positivas para a zona porque "dan vida, acaban coa monotonía das paredes e animan á xente". Sinala que na Fonsagrada hai moitas paredes brancas, e que fan falta muralistas que as queiran pintar.

A pintura está aínda sen rematar por culpa da chuvia, aínda que o seu autor case a prefire así: "Non me gustan as cousas que están totalmente rematadas, os meus debuxos están todos inacabados porque todo está en movemento, as cousas rematadas é coma se non foran deste mundo". Haberá que esperar a que volva saír o sol para poder desfrutar do mural ao completo, que Arias manifesta que "é para todos, é para o pobo".

Arias xa ten novas ideas artísticas
Amador Arias xa ten no tinteiro outra proposta para o municipio. Recoñece que ten moitas ganas de traballar nunha escultura para enxalzar os "moitos motoristas que hai na Fonsagrada". Ademais o Museo Comarcal da vila está a preparar unha exposición na que se poderán ver debuxos e óleos do actor. A previsión é que estea rematada a finais de agosto para abrila ao público en setembro. Por outra banda, Arias está tratando de poñer orde a todo o que ten escrito, e proxecta editar unha compilación de poesías "de antes, de cando era romántico", que ademais quere ilustrar cunha selección dos seus propios debuxos.
As súas obras polo mundo
O material do que o autor dispón para estes proxectos é limitado. Conta que das súas esculturas só conserva a primeira que fixo, pois regalounas todas. Dos debuxos di que están "polo mundo adiante, en Cannes, en Barcelona, e tamén na Arxentina ou en Rusia".

Comentarios