O alumnado de Pedrafita sopra as velas por Youtube

O CPI Uxío Novoneyra elaborou un vídeo para festexar os aniversarios
Unha imaxe do vídeo. EP
photo_camera Unha imaxe do vídeo. EP

Perder o cole non é só perder aulas, senón tamén recreos, abrazos, xogos e as sorpresas que agardan polo aniversario. Por iso, a titora de infantil do CPI Uxío Novoneyra de Pedrafita do Cebreiro, Melina Fernández, quixo soprar as velas co alumnado destes cursos, aínda que fose dende a casa. “Neste tempo cinco dos 12 alumnos cumpriron anos, e sabiamos que botaban moito de menos celebrar o cumple no cole”, indica.

Como agora non é posible xuntarse nas aulas, fixeron coa axuda dos seus pais un vídeo que xa é posible ver na páxina web do cole. Así, coa canción ‘Parabéns’, de Uxía Lambona e a Banda Molona, os cativos saltan e danzan para facer chegar aos seus compañeiros un pouco de confeti. No vídeo tamén animan a quedar na casa ao son da música ‘Covid que te vin’, de Cholo e Nela.

No proxecto participaron as profesoras Beatriz Canto, de música, e Nieves Fernández, de pedagoxía terapéutica. Cada semana, xunto á titora, estas docentes manteñen videoconferencias co alumnado dos tres cursos de infantil, que no centro están agrupados. “Botámonos moito de menos, pois estamos moi unidos no centro”, sinala Melina Fernández.

As docentes tamén elaboraron unha páxina web para continuar as aulas dende a casa, con fichas, experimentos e contos. Melina Fernández grávase coma se estivese canda eles, e así a distancia se reduce un pouco. “É momento de estar conectados aínda que esteamos cada un de nós na súa casa”, conclúe a titora.

Comentarios