Unha alumna de Becerreá publica un vídeo en defensa do rural en tempos de Covid

Ainhoa Fernández Castro estuda 4º da Eso, pero xa sabe que "sempre que sexa posible, vivirei na miña terra"
Generated by  IJG JPEG Library
photo_camera Ainhoa Fernández

Ainhoa Fernández Castro prefire sentar na cantina a carón dos vellos que ir cos máis novos tomarlle unha a Becerreá. Cando pare unha vaca na casa, ela é a primeira que vai botar unha man no parto. Cando viaxa, desfruta dos novos lugares, pero sabe que ningún é como Armesto. "Se as circunstancias mo permiten, seguirei no rural toda a vida", di, coma raiola que se abre camiño entre as pólas do castiñeiro.

Cando se decretou o estado de alarma, esta alumna de 4º da Eso do IES de Becerreá quixo dicirlle ao mundo o afortunada que era vivindo no rural. Para iso, comezou a revisar as fotografías do arquivo familiar. Escolleu as que lle inspiraban maior forza e ledicia. Un becerro recén nacido, un cabalo, ou os tractores dando á volta á muralla de Lugo.

Despois, pediulle á súa amiga Andrea Valle que os acompañase con dous dos seus poemas, Gandeiriñas e Galiza, unha homenaxe a todas as mulleres que coidan do territorio. "Hai maneiras de agarimar a ialma, coidando das vaquiñas, dos porcos e da vida, da vida que nos dá a nosa terra. Coidando das árbores, das rosas dos fentos. Coidando das margaridas e dos merlos", di unha parte dese primeiro poema, recitado pola voz de Andrea.

Só falta que o rural, que é quen dá de comer á cidade, non poida subsistir

Ainhoa xa sabe o que quere estudar: veterinaria. Máis que sabelo, "É algo que me sae de dentro", di. Os seus pais teñen unha explotación de leite. "Producimos moito na casa: leite, queixo, iogures... tamén temos galiñas e coellos", comenta. Pero, ás veces, hai que saír comprar fóra, polo que Ainhoa pensa que as normas de confinamento na zona rural deberan ter en conta isto, "e poder coller o coche para abastecernos con máis tranquilidade", comenta.

E, se ben que ela se sente unha privilexiada, tamén mira con preocupación o futuro do rural. No inmediato, témelle á baixada dos prezos do leite ou da carne. "Só falta que o rural, que é quen dá de comer á cidade, non poida subsistir", comenta. A longo prazo, tamén lle preocupa ser das poucas persoas que coñece da súa idade que quere quedar na súa terra, aínda que, co seu exemplo, tal vez empurre a outros. Para iso seguirá facendo vídeos. Xa mesmo está argallando algo sentada nalgún recuncho da casa.

Comentarios