Alfonso Villares anuncia que a Xunta destinará máis de 20 millóns de euros á acuicultura

O conselleiro de Mar referendou o apoio do Goberno autonómico ao sector nunha visita á factoría baleiresa Ovapiscis 
Un momento da visita de Villares á factoría baleiresa. SEBAS SENANDE
photo_camera Un momento da visita de Villares á factoría baleiresa. SEBAS SENANDE

 O conselleiro de Mar, o cervense Alfonso Villares, garantiu o apoio da Xunta á acuicultura galega, sector ao que o Goberno autonómico destinará neste exercicio máis de 20 millóns de euros, duplicando así a cuantía do anterior, cifrado en 10,9 millóns.

Así o trasladou este mércores en Baleira ao equipo directivo de Ovapiscis, a factoría líder en Europa na produción de ovas de troita arcoiris. Nesa liña, salientou que o esforzo inversor por parte da consellería "permitirá realizar importantes investimentos en materia de piscicultura".

Para o responsable autonómico, a piscifactoría luguesa é un "claro exemplo do posicionamento do sector no mercado", ao facturar no último exercicio máis de 200 millóns de euros. Por iso, confía en que apostar por este tipo de centros produtivos teña "efectos positivos na economía e creación de emprego" pero mantendo "o respecto á legalidade e o coidado do medio ambiente, xunto co compromiso de dar vida ao rural e evitar o declive demográfico".

Aposta pola innovación

Durante a visita, o cervense destacou a aposta de Ovapiscis pola innovación para "ofrecer o mellor produto ao consumidor final" dedicando gran parte do seu orzamento "a mellorar as técnicas de produción, así como as condicións de mantemento e sanitarias das granxas" grazas ao desenvolvemento dun programa de selección xenética.

Liñas de traballo que o conselleiro considerou "claves" para seguir avanzando na "sustentabilidade e competitividade" dun sector "puxante e con potencial de crecemento" nos vindeiros anos.

O encontro de Villares cos directivos da factoría luguesa, fundada en 1995 e que na actualidade exporta a súa produción de ovas de troita a un total de 32 países, supuxo a súa primeira visita oficial como conselleiro a Baleira. Un encontro que, ademais, contou cun compoñente emotivo para el, xa que pasou varios anos no municipio lugués desenvolvendo o seu traballo como veterinario.

Comentarios