Agareso leva aos Ancares o primeiro obradoiro de radio comunitaria

Todos os sábados de xullo nun local de San Román de Cervantes os asistentes aprenderán a servirse deste medio como ferramenta para o cambio social na súa propia comunidade
Lucía Rodríguez, nun obradoiro no IES Miguel Ángel González Estévez de Carril de Vilagarcía de Arousa. EP
photo_camera Lucía Rodríguez, nun obradoiro no IES Miguel Ángel González Estévez de Carril de Vilagarcía de Arousa. EP

"A radio serve para o cambio social. Só o feito de reunirse para reflexionar sobre os problemas dunha comunidade crea un espazo para as solucións". Así fala Lucía Rodríguez, xornalista e unha das integrantes da Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (Agareso), que no mes de xullo impartirá en Cervantes un obradoiro de dinamización do rural a través da radio comunitaria destinado a toda a comarca dos Ancares.

A organización non gubernamental ten anos de experiencia na materia. En Galicia, máis de 400 estudantes de secundaria desfrutaron dos seus obradoiros no último ano nos seus centros educativos a través do programa O mundo que queremos, con contidos sociais como a igualdade, o medio ambiente ou a resistencia fronte aos discursos do odio.

Porén, a ONG tamén impartiu talleres noutros lugares do mundo, como O Salvador ou Guatemala. A mesma Lucía fala da vindeira iniciativa nos Ancares facendo as maletas para ir a Bajos de Haina, na República Dominicana, nestes días. Alí vai traballar en prevención da violencia de xénero a través da radio comunitaria con mulleres de comunidades vulnerables.

Despois do coñecemento acumulado con experiencias fóra, quixeron poñer en marcha un proxecto de radio comunitaria no ámbito rural en Galicia, que está financiado cunha subvención da Consellería de Política Social. "Pensamos que tiñamos que aproveitar este coñecemento para as nosas comunidades. Un dos integrantes da asociación é de Doncos, e foi quen impulsou esta actividade nos Ancares, vendo que había necesidade dela", explica. Se noutros lugares comprobaron o poder da radio para acadar logros en temas como a igualdade ou a tolerancia, neste curso o obxectivo é o de tecer comunidade.

A RADIO MÁIS ALTA DE LUGO. Nos Ancares, o obradoiro será todos os sábados do mes de xullo de dez a dúas da tarde, nun espazo cedido polo párroco de Cervantes en San Román. Estará dirixido a persoas adultas que teñen que ter como requisito o de residir na zona e ter interese na radio como ferramenta de cambio social.

"Por unha banda, o obxectivo é formar a dez persoas veciñas da zona no potencial da radio para identificar determinadas situacións e problemáticas co obxectivo de mellorar as súas condicións de vida. Por outro lado, tamén se falará de aspectos técnicos como a estruturación dun programa, a forma dos contidos ou a locución radiofónica", conta.

A idea tamén é facer un programa final que poida ser escoitado nalgunha das emisoras da zona, cousa que inda están tratando. Ademais, en setembro continuarán coa segunda parte do proxecto nos centros educativos da comarca ancaresa.

De momento, xa están inscritas na iniciativa persoas como Laura Pardeiro, creadora de Leiras e Marcos, e Lucía Rodríguez Fernández, a impulsora de O Argueiro dos Ancares. No curso inda quedan prazas libres, polo que a xente interesada pode aínda escribir un correo a [email protected]. Só se queren cambiar o mundo.

Comentarios