Afronta catro anos por apropiarse de máis de 100.000 euros dun amigo

Retirou esa suma entre 2011 e 2018 da conta da vítima. Tiña acceso tras ter pactado coidar do home a cambio de recibir o saldo cando falecese
Imagen de archivo de la Audiencia Provincial Lugo. PEPE TEJERO
photo_camera Imagen de archivo de la Audiencia Provincial Lugo. PEPE TEJERO

A Fiscalía pide catro anos de cárcere para un home por apropiarse entre 2011 e 2018 de máis de 100.000 euros dun amigo. Aproveitouse de que figuraba como autorizado na conta bancaria da vítima para retirar dela esa suma. O caso instruíuno o xulgado de Becerreá e a vista por eses feitos celebrarase o martes na Audiencia Provincial.

Segundo o escrito do Ministerio Fiscal, o acusado tiña acceso como autorizado a dita conta tras ter pactado co seu amigo que recibiría o saldo cando este último falecese, a cambio de atendelo e coidalo ata que chegase esa data.

A Fiscalía sostén que, entre 2011 e 2018, "sin conocimiento ni consentimiento del titular de la cuenta", o acusado fixo traspasos a favor da súa gandería que sumaron 85.402 euros, e reintegros en efectivo que ascenderon a 28.600. Ademais, domiciliou nesa conta recibos do Concello das Nogais por valor de 477,48 euros.

No escrito de acusación sinálase que ditas operacións "pusieron en peligro el bienestar" do titular da conta, xa que cando incluíu como autorizado ao home que será xulgado o martes dispoñía dun saldo de 77.074 euros "y pasó a no tener saldo suficiente para los pagos de la residencia en la que fue ingresado en diciembre de 2013". O Fiscal indica que concorre a atenuante de reparación parcial do dano porque o acusado devolveu parte do diñeiro (4.760 euros en abril de 2017, 6.500 en outubro dese mesmo ano e 5.000 en xuño de 2018).

Para o Fiscal, eses feitos son constitutivos dun delito de apropiación indebida e pide catro anos para o acusado e unha indemnización de 98.219 euros polo diñeiro apropiado e non restituído.

Comentarios