domingo. 20.09.2020 |
El tiempo
domingo. 20.09.2020
El tiempo

Afonso Becerra: "As artes escénicas resultan tan necesarias como namorar algunha vez"

Afonso Becerra. EP
Afonso Becerra. EP
Afonso Becerra de Becerreá, que recibiu a mención de honra do prestixioso Festival de Teatro de Almada (Portugal), non dubida en buscar proxectos vangardistas e reivindica os dereitos do teatro e a danza en Galicia como uns valores "igual de necesarios que a sanidade ou a educación".
INTERESADO polas artes escénicas dende que era neno, Afonso Becerra de Becerreá é un apaixonado do teatro e a danza. O dramaturgo recibiu a mención de honra do Festival de Teatro de Almada o pasado 26 de xullo, un dos recoñecementos dramatúrxicos máis relevantes a nivel europeo, por un escrito no que o director de escena plasmou todas esas cousas "que non se poden explicar, porque coas artes escénicas os afectos están a flor de pel", segundo o literarato. Dende que comezou co proxecto da Pipa en Becerreá, iniciou a súa carreira en Asturias e en Barcelona, cando o seu pai lle dixo que «todos os oficios se podían estudar».

Como se atopan as artes escénicas neste escenario de Covid-19?
A situación é peor que a que había antes da pandemia, aínda que o seu estado xa era moi precario en Galicia, basicamente porque o teatro e a danza non son unha industria. Un espectáculo non se pode facer en cadea e, polo tanto, é moi difícil que chegue a millóns de consumidores. As artes escénicas non son acumulables, como a pintura, senón que son efémeras. Quedan no recordo como o amor dunha parella. Son artes vivas e tan necesarias como pode ser namorar algunha vez na vida para madurar. Cando un espectáculo funciona, esa experiencia emociónate, podes ter unha catarse ou unha experiencia trascendental. O teatro é igual que a sanidade ou a educación, e o feito de que sobrevivan reside en que son connaturais ao propio acto de civilización. As culturas vanse humanizando grazas ás artes vivas. O teatro é moi inestable porque o Goberno galego non está apostando na medida necesaria e xusta pola cultura. Hai dúas varas de medir e a cultura sempre sae perdendo fronte a outros sectores.

Que supuxo para vostede recibir a mención de honra do Festival de Teatro da Almada?
A palabra é sorpresa, non mo esperaba nin de lonxe. Primeiro porque non te podes presentar, escóllente. Vou todos os anos por Almada porque é un dos festivais de verán máis importantes de Europa, pero este é o único que non puiden ir. Fixen unha análise e unha especie de relato da miña experiencia artística vendo un espectáculo. Cando me chamaron para comunicarmo quedei coa boca aberta. O segundo motivo é que as outras mencións eran para dous xornalistas portugueses, mentres que eu escribo nada máis en medios especializados sobre teatro e danza, que só le xente da profesión.

De que forma tratou a cultura ‘queer’ na obra ‘Nós, xs inadaptadxs’?
É un capítulo dun ensaio sobre a Galicia ‘queer’. O que fixen foi revisar as estéticas do teatro galego, que en xeral son moi conservadoras. Cando cheguei de Barcelona, vin que todo eran homes vestidos de homes e mulleres vestidas de muller. Todo dende un concepto heteropatriarcal e unha normatividade heterosexual, coma se non houbese máis realidades que esas. Isto chocoume, porque o mundo das artes escénicas é sempre moi rompedor, moi progresista. O meu capítulo fala da danza e do teatro ‘queer’ que hai en Galicia, que é moi escaso. Neste sentido, denuncio a situación do teatro galego e poño sobre a mesa a estética que se rexe no 99% dos casos pola normatividade heteropatriarcal. Paso revista aos espectáculos que supoñen unha desviación da norma e tamén falo do mundo do transformismo.

Que papel xoga a liberdade sexual e corporal nas artes escénicas?
Para min é fundamental que as representacións teatrais nos fagan pensar e nos cuestionen, sobre todo nos escenarios máis comúns, que en moitas ocasións non che permiten ser libre. Ás veces asínannos un papel e non queremos asumilo. Unha das condicións necesarias da arte é a liberdade. A arte ten que ser investigación e innovación. É como se realizas unha pintura de caza a día de hoxe, se non transgredes, non ten nada de innovador. É importante crear unha nova realidade e plantexar unha certa utopía que sexa contestataria.

Como se viven as artes dramáticas en Portugal en relación a Galicia?
En Portugal, a danza, o teatro e a ópera son espazos de prestixio e de representación nacional. Incluso nos peores momentos, como na crise de 2009, o teatro de Sao Joao de O Porto tiña cinco millóns de euros de presuposto. O teatro galego recibiu 630.000 euros nos momentos da crise para toda Galicia. Aquí os concellos deixaron de contratar funcións e as compañías ían buscar sorte. É como se unha orquestra dunha verbena recadara pasando a gorra. As festas continuaron coas orquestras máis espectaculares polas que se pelexaban os municipios, mentres que para a danza, o teatro, e a cultura en definitiva, non quedou espazo en Galicia.

Afonso Becerra: "As artes escénicas resultan tan necesarias como...
Comentarios