As 360 curvas da Fonsagrada

O cineasta Alejandro Gándara e a fotógrafa Adriana Silva dirixen un documental sobre as protestas que nos anos 90 sacudiron as terras de Burón para esixir o mantemento dos servizos na comarca, nunha epopea de resistencia cívica que fará dialogar co presente actual
Pintada do ano 1992. PEPE TEJERO
photo_camera Pintada do ano 1992. PEPE TEJERO

Ás veces dícese que o pobo galego non se rebela, non protesta. Pero, quizabes, esa visión veña tamén dun relato interesado, que sistematicamente silencia as historias de loita e de resistencia. Ata que punto son coñecidas, por exemplo, as movidas da Fonsagrada? O director de cine coruñés Alejandro Gándara ben que se sorprendeu cando viu, por primeira vez, un vídeo que lle ensinou Adrián Méndez, de Fumaior, e que para veciños e veciñas do municipio é ben coñecido, unha montaxe que vai de móbil en móbil lembrando aquilo: o encerro de 14 persoas na casa consistorial; as cargas dos antidisturbios no desaloxo; a manifestación que celebrou a liberación dos detidos ou as 4.000 persoas que se congregaron en San Caetano.

El naceu un ano despois daquel 1992 no que a vila enteira se levantou para esixirlle á Xunta que mantivese a oficina de extensión agraria no municipio e que este seguise sendo cabeceira do partido xudicial. Unha reivindicación coa cola de moitas outras, e que, no fondo, poñía o aceno no dereito aos servizos no rural, nun modelo sostible de gandaría, reivindicacións que hoxe seguen a ser fundamentais.

"Quedei impactado ao ver aquelas imaxes, de Manuel Fernández, o fotógrafo da Fonsagrada, dos veciños sachando como protesta para suavizar unha das curvas do municipio", comenta. Daquela, conta Gándara, comezou a dicirse que eran 360 as curvas que separaban A Fonsagrada de Lugo, case unha por cada día do ano. Con esas curvas escribíase a distancia que facía que algunhas mulleres parisen de camiño ao hospital, a distancia dos servizos, a fenda en relación ás administracións. Pintadas como "Fonsagrada-Lugo 360 curvas ata cando?" ou "Menos curvas, ou biodramina pola seguridade social" aparecían nos muros do cemiterio, ou noutros lugares da estrada.

"Foi de Ariadna Silva a idea de titular así a película, 360 curvas", conta Gándara. El, que xa foi director canda a Olaia Tubío na súa anterior longametraxe, Dorothè na vila –coa que percorren os lugares e as persoas coas que a recentemente falecida musicóloga deu forma ao Cancioneiro Galego– recoñece que prefire traballar en equipo, e chamou a Silva para acompañalo na aventura "pola súa mirada, polo seu traballo sobre o territorio", indica.

Fotograma da protesta dos vecios sachando para suavizar unha curva. MANUEL FERNÁNDEZ
Fotograma da protesta dos vecios sachando para suavizar unha curva. MANUEL FERNÁNDEZ

A curva fíxose polisémica, e axudou a pensar este filme que está en fase de preprodución. "A curva é a montaña, a curva poboacional", comenta, pero a curva tamén é un desvío, un desvío posible á liña recta do mundo. "Chama a atención que todo o que ten esa liña recta, na Fonsagrada, ao final está relacionado cun progreso que tamén é destrutivo, o dos aeroxeradores, o dos eucaliptos", di.

Ademais dos dous directores, neste proxecto son fundamentais os fonsagradinos Adrián Méndez e Manuel Lucas Mariño, "que foron os primeiros que comezaron a pensar que habería que facer algo con esta historia", di Gándara. Historia que, igual ca no seu filme anterior, se serve do material de arquivo para contar o mundo que estamos vivindo hoxe. "Neste sentido, o traballo de documentación de Fernández foi para nós fundamental, grazas a el podemos facer o que facemos", di.

E iso que hoxe queren ler mellor é a despoboación e a emigración, agravadas dende aquel ano 1992. "Queremos explorar hoxe o abandono a partir desa historia, das posibilidades dunha loita que, no fondo, excede o que poida pasar aquí ou noutro lugar, e que é unha revolta contra a maneira na que está organizado o mundo", indica. A esa cuestión de fondo é onde queren chegar.

Conta Gándara que, se todo sae ben, as 360 curvas chegarán á pantalla despois do verán que vén. Para realizar a longametraxe, o equipo da produtora Rebordelas recibiu unha axuda do Agadic de 40.000 euros, e tamén contan cun compromiso da Deputación de Lugo e do Concello da Fonsagrada. De momento, están aínda chegando, parando en cada unha desas curvas, dese camiño que deu tantas voltas e que hoxe aínda explica ese lugar que é A Fonsagrada e este pobo que tamén se soubo erguer contra o poder nese movemento de participación veciñal, cívico e asociacionista que xa entenden como parte dunha memoria común.