"En 2020 a tonelada de millo pagábase a 180 euros pero foi estalar a guerra e pasar de 420"

Nos trinta anos que leva á fronte da empresa fonsagradina Pensos o Coto, Joaquín Valledor di que nunca viu unha crise como a actual e, aínda que pensa que non haberá desabastecemento de cereal, está convencido de que os prezos non baixarán a curto prazo
Joaquín Valledor.EP
photo_camera Joaquín Valledor.EP

JOAQUÍN VALLEDOR NÚÑEZ leva á fronte da empresa Pensos O Coto da Fonsagrada desde que se fundou en 1992. Di que nestes 30 anos de historia nunca viviu unha crise na que confluísen tantos factores como agora para poñer en xaque a todo o sector primario do país.

Entre o aumento dos custos de produción que afecta os gandeiros o penso é un dos que máis subiu.

O prezo do cereal víñase incrementando paulatinamente desde agosto de 2020 polo aumento da demanda do mercado chinés. Con todo por mor do conflito de Ucraína os prezos disparáronse de forma alarmante ata alcanzar niveis nunca vistos.

De que subas estamos a falar?

Se o prezo, por exemplo, da tonelada de millo estaba en 2020 en 180 euros, a finais de 2021 xa se pagaba a 280, pero xusto despois de estalar a guerra pasou a 420. O mesmo ocorre coa soia, que pasou dos 320 euros de 2020 aos 620 actuais, ou a colza, que de 210 págase agora a 510 a tonelada.

Como repercuten estes incrementos en el sector?

O do cereal é un sector no que non se compra ao día senón con visión de futuro. Isto permitiu que o incremento de prezos de 2021 apenas o repercutísemos ás ganderías xa que tiñamos materia prima almacenada de 2020. Pero o do cereal é un mercado cunha especulación tremenda e segundo está agora o mercado resulta imposible comprar a prezos razoables.

Ucraína produce en torno ao 40% do cereal que chega a España. De prolongarse o conflito, hai risco de desabastecemento.

Desabastecemento non creo que se vaia producir, porque despois do verán espérase a chegada de barcos de cereal procedentes das colleitas de Brasil, Estados Unidos ou Canadá. Pero os prezos previsiblemente seguiranse mantendo altos, polo que o problema actual de custos elevados non desaparecerá, polo menos a curto prazo.

Ante esta situación como se preparan as empresas de alimentación animal?

O do conflito de Ucraína era algo que non contabamos e moito menos que ía supoñer un incremento de prezos tan alto como o que se produciu. O complicado para as fábricas de pensos é tomar a decisión adecuada de compra, porque ao prezo actual que ten o cereal calquera baixada imprevista pódenos facer entrar inmediatamente en importantes perdas.

O do penso é un sector moi atomizado. Están nunha mellor situación as grandes multinacionais ou grandes cooperativas fronte ás pequenas empresas familiares como é o caso da que vostede dirixe?

Nesta ocasión non é unha cuestión de volume senón de prezo. É o mundo ao revés e os grandes compradores poden saír mesmo máis prexudicados en caso de producirse un imprevisto.

Falaba antes de que o cereal é un mercado moi especulativo e que, ademais, dependemos doutros moitos países para conseguilo. Non se puido ter evitado esta situación?

Claro que se podían tomar no seu momento medidas adecuadas para protexerse fronte a situacións como a actual. Nos anos de posguerra o propio Estado almacenaba cereal para, en caso de déficit, sacalo ao mercado e evitar desta forma incrementos no prezo. Iso non se fixo e agora é un mercado que está totalmente en mans dos especuladores. Desde a Unión Europea tampouco se apoiou a produción e fixémonos totalmente dependentes doutros países, cando aquí tiñamos a superficie e os medios para poder producir.

É esta a peor crise que lembra.

O peor que vivimos ata o de agora foi a principios do 2000 coa crise das vacas tolas, pero aquela foi unha crise sanitaria puntual que ademais non se alongou no tempo. Agora conflúen moitos factores, aumento do prezo da enerxía, os combustibles, a materia prima... Corremos o risco de que moitas ganderías queden no camiño e a única solución para sobrevivir é que as explotacións deixen de producir a perdas.

Comentarios