A Zapatería volve ter zapateiro

A emblemática rúa de Viveiro levaba dúas décadas sen albergar ningún profesional deste gremio ata que Guillermo Fernández Cora trasladou o seu obradoiro ao local da antiga libraría Neira
 

Guillermo Fernández Cora. J Mª ALVEZ
photo_camera Guillermo Fernández Cora, no seu obradoiro. JOSÉ Mª ÁLVEZ

No número 9 da rúa Almirante Chicarro de Viveiro, no local que ocupaba a libraría Neira, está dende hai poucos días o taller Obradoiro: Reparación de Calzado de Guillermo Fernández Cora, o que supón devolver a esta vía do casco antigo unha parte do oficio que lle deu o nome co que popularmente se coñece, A Zapatería. Curiosamente, conta o protagonista, o seu sogro Vicente Díaz —que foi quen lle ensinou "os trucos" da profesión— "foi o último zapateiro que houbo aquí e saíu da rúa no 98, polo tanto hai vinte anos que non hai ningún zapateiro na Zapatería", sinala.

Guillermo Fernández lembra que abriu o seu obradoiro "o 20 de abril do 2015" noutra rúa pero apostou polo traslado á nova localización. "Como di a xente maior, estou máis na piqueira", di o zapateiro, que ademais de facer as raparacións máis típicas de repoñer tapas, ‘spays’ —parte de adiante da sola— ou cremalleiras, tamén fai adaptacións de botas altas a botíns ou, o máis innovador, decora coa axuda da súa muller, "que é pintora", todo tipo de calzado, paraugas, camisetas e calquera obxecto coa fin de que os clientes leven algo único, personalizado aos seus gustos e "todo artesanal, feito a man", resalta.

Un dos traballos que máis aceptación ten é a colocación na parte dianteira da sola do zapato da alcumada ‘ferradura’. "É un produto que se chama barra metatarsiana, é como un ‘spay’ microporoso que evita que os ósos metatarsos do pé estean tan en contacto co chan e non doia tanto cando levas moito tempo co calzado", explica. Vén a ser como unha pequena plataforma que adoita poñerse en zapatos de tacón "e funciona moi ben" xa que os pés "van máis descansados".

Unha parte importante da clientela é xente maior "porque xa ten os zapatos adaptados ao pé e prefiren amañalos a comprar uns novos", pero polas mans de Guillermo Fernández Cora teñen pasado todo tipo de calzado, dende os máis básicos aos máis exclusivos, e puido ver de preto as súas particularidades. "Tiven por exemplo uns Loewe de 700 euros para reparar e defraudáronme un pouco, e tiven uns Manolos de 1.200 euros que me encantou como estaban feitos", reseña.
 

Comentarios