domingo. 18.04.2021 |
El tiempo
domingo. 18.04.2021
El tiempo

Yorel Ladra: "Conto a historia dun rapaz que sofre no paso do cole ao instituto"

Yorel Ladra-Portada. EP
Yorel Ladra. EP

Yorel Ladra, estudante do IES Perdouro de Burela, fíxose co segundo premio do certame literario Trapero Pardo cun relato ambientado na súa vila. O mozo burelao admite que non esperaba este recoñecemento porque "era a primeira vez que participaba nun concurso así"

O estudante do IES Perdouro de Burela Yorel Ladra Ballesteros logrou o segundo premio na vixésimo sexta edición do certame de contos e relatos Curtos Trapero Pardo, que organiza o Concello de Lugo. O burelao, que ten 16 anos e cursa actualmente terceiro da Eso, únese a unha listaxe importante de estudantes da comarca que se atopan no cadro de honra deste premio, coma David Canto Veiga, Tania Menéndez García, Nuno García Pico ou Elena Valle. No seu relato, ambientado na súa vila natal, desvela a importancia do apoio familiar e docente para superar un caso de fracaso escolar que conta cunha gran cantidade de toques autobiográficos e do que viviu no seu día a día nos últimos meses. 

Yorel Ladra. EPImaxino que estará moi contento polo premio. 
Pois si, a verdade que moito. Como para non estalo! Ademais, era a primeira vez que participaba nun certame literario. 

Como recibiu a noticia? 
Pois chamáronme pola mañá, xusto cando estaba cunhas xaquecas bastante fortes, e ao coñecer a noticia quitáronseme todas as dores no momento. Foi unha alegría inmensa. 

Esperaba levar algún premio? 
A verdade é que non. Eu apunteime por participar, pero o certo é que non se me pasaba pola cabeza ganar nada. 

Cal é a trama do relato? 
É un relato autobiográfico ambientado en Burela no que participamos meu irmán Enol e máis eu. Os escenarios son a casa, a praza e a zona do peirao. Conto a historia do meu irmán e como está afrontando un posible fracaso escolar. 

Está tamén contento o seu irmán con este premio? 
Creo que si porque foi en quen máis me inspirei. 

Que problemas aborda no relato? 
Conto como leva el o paso do colexio ao instituto e todo o que lle sucede durante a primeira avaliación do mesmo. A min pasoume o mesmo ca el e, de feito, por iso penso que teño tanta experiencia neste tema. Creo que para min é máis fácil darlle consellos porque vivín moito do que está pasando el. Póñome de exemplo para que vexa que se pode superar. 

A axuda da miña nai e o apoio familiar e dos profesores foi fundamental para superar os meus problemas escolares

Tivo moitos problemas no seu primeiro curso na Eso? 
Si, custoume moito e, de feito, repetín. Tampouco estudaba moito, pero agora abrín os ollos e vin a importancia que ten estudar e formarse para o futuro. Iso é o que intento que el vexa. 

Que lle dixeron seus pais? 
Miña nai está moi contenta e para ela foi unha alegría enorme. Meu pai digamos que é un pouco máis comedido. Está contento, pero ao mellor non o exterioriza tanto. 

Cantas páxinas ten a obra? 
No ordenador escribín nove páxinas, pero convertéronse en 30 na publicación final. Enviei todo antes xusto das vacacións de Nadal. 

Custoulle moito escribilo? 
Non me custou demasiado. Fíxeno e logo o meu profesor de Lingua Galega, Bernardo Penabade, axudoume na corrección de certas cousas. Foi el mesmo tamén o que me animou a participar. 

Que foi o máis complicado? 
Sen dúbida o principio, como empezar o relato. Unha vez que arrinquei, xa me foi saíndo todo máis rápido porque era escribir o que ía pasando co meu irmán e o que vía que pasara comigo. 

No seu caso, que foi o que máis lle axudou a superar ese posible caso de fracaso escolar? 
O máis importante foi, sobre todo, a axuda da miña nai. O apoio familiar foi fundamental e logo tamén Laura, unha profesora de clases particulares. O ano seguinte xa coñecín a Bernardo e el tamén me axudou moitísimo. 

Quedou con ganas de escribir máis cousas? 
Si, de feito Bernardo xa nos falou doutro concurso e seguramente participe. Este non vai ser escrito, senón que é audiovisual, pero voume apuntar igualmente. Estes días estanos contando un pouco en que consiste e que cousas imos ter que facer. 

A pesar desta incursión nas letras, creo que a súa idea non é estudar nada relacionado con esta rama. É así? 
Si, é así. Quero facer a enxeñería de Camiños, pero creo que se pode compaxinar isto con seguir escribindo cousas.

Yorel Ladra: "Conto a historia dun rapaz que sofre no paso do cole...
Comentarios