A Xunta di non ao lugar para o parque empresarial do Valadouro

Achaca que Concello modificou unilateralmente o emprazamento pero "a situación é corrixible"
Edmundo Maseda alcalde de O Valadouro. JOSÉ M ÁLVEZ
photo_camera Edmundo Maseda alcalde de O Valadouro JOSÉ M ÁLVEZ

O servizo provincial de Urbanismo da Xunta en Lugo informou negativamente a modificación puntual das Normas Subsidiarias Municipais do Valadouro (Lugo) pola que se pretendía reclasificar varios terreos para crear un novo parque empresarial neste municipio, segundo informou a Delegación Territorial de Lugo que dirixe José Manuel Balseiro.

"A Xunta non se opón a que O Valadouro poida ter solo industrial e comercial, máis ao contrario, o plan sectorial de ordenación de áreas empresarias de Galicia, elaborado pola administración autonómica no ano 2014, xa reservaba daquela espazo para crear este polígono", di nun comunicado.

"O problema está en que o Concello do Valadouro decidiu modificar unilateralmente o emprazamento do futuro parque empresarial para situalo noutro espazo próximo pero diferente, o que contradí a normativa vixente e impide que se poida autorizar un novo parque noutro punto distinto do inicialmente previsto", engaden.

Na comunicación sobre o asunto, a Xunta aclara: "Dáse a circunstancia ademais de que o Concello do Valadouro xa coñecía desde febreiro do ano 2018 que se estaba a producir unha incoherencia entre a modificación urbanística pretendida polo Goberno local e a que figuraba no plan da Xunta polo que certamente é algo sorprendente que se solicite informe sen corrixir esta deficiencia.

Con todo, a situación é perfectamente corrixible. De feito, o Goberno galego aclara que o Concello do Valadouro ten dúas opcións para atender as demandas de solo empresarial no municipio: ou realizar unha modificación urbanística que coincida co emprazamento inicial, isto é o establecido no plan autonómico de solo empresarial ou, solicitar unha modificación deste plan autonómico seguindo o procedemento previsto no mesma.

A Xunta estimaba reservar 118.375 metros cadrados de terreo para crear un polígono industrial no Valadouro, xunto á estrada LU-162 e máis próximo ao núcleo urbano; namentres que o emprazamento escollido polo Concello, ademais de ser menor (88.878 metros cadrados) está situado nun lugar próximo pero diferente, isto é, ao norte da estrada autonómica LU-152, xunto ao campo de fútbol.

Nas próximas datas está prevista manter unha reunión técnica para intentar dar saída a esta situación e corrixir as deficiencias que farán posible a reclasificación destas bolsas de solo e, en consecuencia, as bases urbanísticas que permitirán a futura creación dun polígono industrial no Valadouro".

Maseda ve que o informe é negativo polo cambio da normativa

O alcalde do Valadouro, Edmundo Maseda,  achaca o informe negativo da Xunta ao cambio de normas subsidiarias municipais para a construción do polígono industrial a un tema administrativo porque o Concello non comunicou a súa renuncia a facer o parque onde estaba previsto no plan galego. "Realmente quen renunciou a facelo nesa localización foi Xestur e por iso cambiamos a localización, pero é certo que nós non tivemos secretario dous anos e non fixemos a comunicación", explica o alcalde, que avanza que está prevista unha reunión en Lugo para abordar esta situación e subliña que "non vai haber problema nin por parte do Concello nin por parte dá Xunta para solucionar este tema".

Maseda defende a localización elixida polo Concello, xunto ao campo de fútbol, porque é unha zona con luz, auga e con bos accesos. Pola contra asegura que na zona á beira da LU-162, encima do cemiterio, onde estaba exposto antes "sería costosísimo e inviable" facelo, porque "por exemplo, habería que reforzar a liña eléctrica e custaría 1,5 millóns e está en pendente, polo que a execución sería moi custosa".

Comentarios