A Xunta di que o turista é o último responsable ao visitar As Catedrais

En marea insta a Costas a que diga se pechará covas cautelarmente e de que maneira o fará

Zona por onde non se pode pasar na visita ás Catedrais. JOSÉ Mª ÁLVEZ
photo_camera Zona por onde non se pode pasar na visita ás Catedrais. JOSÉ Mª ÁLVEZ

A Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia aínda non recibiu resposta da dirección xeral de Costas sobre a proposta de pechar cautelarmente o paso polas furnas e arcos das Catedrais coa fin de evitar accidentes polo desprendemento de rochas. Desde a goberno galego insisten en que a responsabilidade última do que aconteza na visita é do turista que coñece os riscos porque están advertidos nos carteis.

As Catedrais é un espazo natural cuxo acceso non se lle pode prohibir á cidadanía e polo tanto "non vai haber sempre alí vixiancia. De feito antes nunca a había". Aínda así, reforzarán a presenza de axentes ambientais nun enclave afectado por desprendementos como o está o litoral cantábrico.

Insiste en que son tres as administracións que se ocupan da xestión do monumento natural: Estado, Xunta e Concello e que pola banda autonómica a súa competencia baséase na protección medioambiental e previr, no posible, os accidentes. Por iso segue pechado o acceso á parte alta do cantil -para os infractores hai multas de 600 a 6.000 euros-. "Sobre todo prohibíuse para que non se estropeara a flora que estaba sendo pisoteada", sosteñen.

O portavoz de En Marea no Congreso, Miguel Anxo Fernán Vello, presentou varias preguntas dirixidas ao Ministerio de Medio Ambiente. Pretende saber se van pechar o acceso ás covas e grutas. "A medida sería temporal á espera das conclusións, pero interésanos coñecer a postura do Goberno sobre as medidas a adoptar para evitar máis accidentes", inquire o deputado, que xa rexistrara unha iniciativa con motivo de accidente mortal ocorrido na praia en marzo. Vello tamén procura indagar se Costas realizou estudos e análises sobre a inestabilidade da estrutura pétrea e de ser así, que opcións prantexa.

Comentarios