As xornadas contra a violencia de xénero de Ribadeo amosan que se pode saír

As primeiras das poñentes, e mesmo perante a presentación desta cita, ensinaron xeitos distintos de superar esa situación

Mari Luz Álvarez e Fernando Suárez, na presentación. IRIA L.V.
photo_camera Mari Luz Álvarez e Fernando Suárez, na presentación. IRIA L.V.

No medio do desacougo co que cada poucos días se nos expón un novo caso de violencia machista, que por riba moi a miúdo remata co asasinato da muller, as xornadas organizadas pola delegación de igualdade do Concello de Ribadeo comezaron este venres lanzando inequívocas mensaxes de esperanza con experiencias de empoderamento de mulleres en eidos moi diferentes. Non se agochou o crú da situación, mesmo na presentación que fixeron o alcalde, Fernando Suárez, e máis a responsable desta cita, a concelleira Mari Luz Álvarez Lastra, pero si que se falou abertamente, como dixo esta última, "da necesidade de traballar e colaborar xuntas para coller forza e prantarnos ante esta lacra social".

Falou disto nun testemuño abraiante a primeira das intervintes, Rocío Cruz. Veterinaria de profesión, que está deixando atrás, fíxose escritora de cuestións vencelladas á loita contra a violencia de xénero desde o punto de vista feminino. Pero máis aló diso ofreceu un relato persoal duro pero feito cun sorriso no que contou como ela mesma saíu de dúas relacións nas que foi vítima de violencia de xénero, primeiro psicolóxica e despois tamén física.

Foi moi práctica e ata rompedora porque contou como tivo que renunciar á custodia dos seus fillos para poder ser ela mesma e liberarse de todo o que consideraba que lle facía someterse: a súa parella, o seu traballo, e tamén os seus fillos. Mesmo cuestións ás veces banalizadas como a propia imaxe, pero que tamén para ela foi importante tal e como relatou cando, hai pouco máis dun ano, se descubríu sorrindo de novo e moi cambiada nunha fotografía.

Dalila Dopazo, quen falou da necesidade de xulgar con perspectiva de xénero e de utilizar a Xustiza como un instrumento contra a discriminación

Agora está promovendo unha rede con ambición internacional á que chama 'Galatea' e ten xa dous libros publicados sobre isto. Contou como moitas veces a violencia machista está tan inculcada que é complicado vela porque explicou que ata ás propias mulleres lles custa vela en ocasións, pero tamén ós homes. Esto explicitouno cun dato que deu no que apuntou que o 90% dos homes que agora son maltratadores en realidade o que fan é repetir un comportamento que aprenderon ou que viron na casa e que estaba como aceptado.

Tamén chamou a atención sobre a necesidade de ser pragmáticas e non emprender batallas que non se poden gañar. De novo se puxo como exemplo a si mesma e dixo que estivo a piques de vivir exactamente a mesma situación que Juana Rivas, pero viuno vir e soubo esquivalo.

TEMPO DE LECER. Despois dela falou Tania Merelas, autora do libro Comezar desde cero que fixo despois de falar coas compoñentes da Casa Malva de Xixón, a onde se foi a escoitar os casos das mulleres vítimas de violencia que agora están alí acollidas. Chamou a atención sobre o poder do tempo de lecer pero sabendo enfocalo e afastándoo tamén do que "nós cremos que é lecer só porque nolo ensinaron así. En moitísimos casos parece que está vencellado ás crianzas, cando non é así para nada".

Pechou o día a maxistrada do xulgado do social número 3 de Lugo, Dalila Dopazo, quen falou da necesidade de xulgar con perspectiva de xénero e de utilizar a Xustiza como un instrumento contra a discriminación e das dificultadas que atopa para facelo.

Comentarios