As Xornadas Etnográficas da Mariña son en Xove os días 16, 17 e 18 de xuño

Este ano teñen un día máis de duración e abriranse co pregón da asociación cultural Saíñas xovense, que este ano celebra o seu 40 aniversario. O sábado será o concerto de Fiandola
Actuación de Lina e Lola, na edición do ano pasado. CAROLA MARTÍNEZ
photo_camera Actuación de Lina e Lola, na edición do ano pasado. CAROLA MARTÍNEZ

A segunda edición das Xornadas Etnográficas da Mariña será en Xove os vindeiros días 16, 17 e 18 de xuño. Este ano teñen un día máis de duración que as que se celebraron en Ribadeo en 2022 e no canto de facer dúas mostras folclóricas para pechar o sábado e o domingo, este ano á noite haberá un concerto antes da foliada do sábado que será con Fiandola, "un dos grupos senlleiros da música tradicional galega que chegan de deixar dúas actuacións memorables no Festival de Ortigueira e no Intercéltico de Lorient", explica Xacobo Ares, o director destas xornadas.

Este ano o pregón de apertura, o día 16 ás oito e media da tarde no Lugar das Marías, correrá a cargo da asociación cultural Saíñas que celebra o seu 40 aniversario. "A continuación entraremos de cheo da man de Cantometrics no arquivo galego de Alan Lomax, unha revisión das músicas de tradición oral que o musicólogo estadounidense recolleu ao longo do país nos anos 50", explicou Ares.

O sábado arrancará co coloquio A conexión nas músicas de tradición oral entre Galicia e Asturias, ás once e media da mañá, no salón de actos do centro cívico de Xove. A mediodía abrirase a exposición Traxandaina: o traxe aldeán de garda nas terras de Lugo e haberá unha visita guiada. Ás catro e media da tarde presentarase o libro-disco As que dormen entre o centeo de Marina Vigo e Lucía Eiros, que é a primeira recompilación de compositoras para gaita con 32 composicións inéditas de 16 gaiteiras.

A continuación Rebeca Tallón impartirá un taller de baile e xa ás nove será o concerto de Fiandola. A partir das dez e media da noite será a foliada. Todo no centro cívico. Xa o domingo, ás doce e media, volverá abrir a mostra do traxe aldeán de Lugo e ás oito e media clausuraranse as xornadas no pavillón xovense coas actuacións de Cántigas e Frores e Saíñas.

"Esperamos que este ano estas xornadas empecen a consolidarse como unha cita ineludible coa música tradicional e a etnografía no só na Mariña senón en todo o país", indicou o director das xornadas, que resume o espírito desta cita coa frase: "A tradición non consiste en adorar as cinzas, senón en preservar e transmitir o lume", de Gustav Mahler.

Comentarios