As xornadas de arqueoloxía de Mondoñedo recordan o pasado amurallado da cidade

A estrutura contaba con seis portas e faríase sobre outra máis modesta que dataría dos anos da fundación da cidade
murallaint
photo_camera Restos da muralla aparecidos na reforma da Praza do Seminario en 2011. AEP

"Toda cidade ou vila medieval ou moderna que se precie tiña murallas". Así inicia Javier Gómez Darriba, doutor en Historia da Arte, o seu relato sobre o que foi a muralla de Mondoñedo, da que só se pode só queda unha pegada perimetral que se pode ver nunha vista aérea da cidade. "Tiña 850 metros de perímetro e abranguería o que hoxe é o casco vello da cidade", explica Gómez, que mañá ás doce do mediodía e de xeito telemático, impartirá a última ponencia das xornadas de arqueoloxía ‘Villaamil y Castro’ baixo o título ‘A muralla de Mondoñedo: morfoloxía e funcionalidade dun monumento desaparecido’.

As orixes da muralla mindoniense sitúanse a principios do século XIV, sobre o ano 1320, aínda que en realidade sería unha reedificación sobre outra estrutura máis modesta que dataría dos séculos XII ou XII, coincidindo coa fundación da cidade. "O normal sería que dende a fundación da cidade houbera unha muralla máis modesta que puido ser unha empalizada e sobre esa reedificaríase a estrutura posterior, aínda que non queda ningún resto nin a documentación é moi explícita ao respecto daquela primeira construción", explica Gómez, que precisa que ao longo dos séculos XV e XVI empezou a súa destrucción para desaparecer xa definitivamente no século XIX. "Unha vez que as murallas foron perdendo os usos para os que foran creadas e empezaron a ser vistas como ruinas polo urbanismo da época foron desaparecendo, con contadas excepcións como pode ser o caso das existentes en Lugo ou en Ávila", engade.

A de Mondoñedo, coma o resto destas fortificacións, tiña un uso defensivo e tamén fiscal, "porque había certas mercancías que tiñan que pagar un arancel por entrar e saír da cidade", e tamén como medio de protección ante epidemias ou pestes, "aínda que os virus adoitaban coarse de igual xeito".

A muralla mindoniense tiña seis portas: a Porta da Fonte, enfrente da actual Fonte Vella; a de Batitales, no que hoxe é o convento das monxas; a da Rúa Nova, no entorno da actual Praza do Concello; a Porta Nova, na zona de Casas Novas e "que foi a última en facerse e a primeira en desaparecer"; a da Rúa do Pumar, na intersección das actuais Rúa da Imprenta e Pascual Veiga; e a Porta das Angustias, que estaría pegada ao actual consistorio e tiña unha capela encima. "Cada porta era froito dun camiño que chegaba á cidade", afirma Gómez, que non descarta que ao igual que en 2011 apareceran restos nas obras que se fixeron na Praza do Seminario puideran aparecer máis en calquera momento. Nesta praza, o pavimento recorda con formas especiais o tramo de muralla que por alí pasaba.

Unha curiosidade que se pode extraer da muralla mindoniense é que contaba cun torreón frente ao actual seminario que no século XIX acabou reconvertido en palomar episcopal. "Esa parte da muralla contaba na parte de atrás coas hortas e os xardíns do palacio do bispo e por iso se fixo este aproveitamento do antigo torreón", precisa Gómez.

Más en A Mariña
Comentarios