Xoel García Neira: "Non esperaba rendir tan ben nunha distancia tan longa"

O palista do Kayak de Foz acadou unha medalla de ouro e unha de prata no campionato de España celebrado en Sevilla. Atribúe o seu éxito aos adestramentos en Trasona

Xoel García Neira. AMA
photo_camera Xoel García Neira. AMA

O focense Xoel García Neira (Foz, 2001) fixo bos os pronósticos acadando dúas medallas do Campionato de España de Inverno que se celebrou esta pasada fin de semana na illa da Cartuja, en Sevilla. O deportista do Club Kayak de Foz foi o gran dominador do K-1 5.000 metros na categoría Sub-17, onde entrou na liña de meta con case 12 segundos de vantaxe sobre o segundo, e conseguiu a prata entre os xúnior, a pesar de ser aínda de primeiro ano. Unha das claves do éxito radica na esixencia dos adestramentos de Trasona, onde baixou ata 8 kilos respecto á pasada tempada.

Agardábase quedar segundo en xúnior?

A verdade é que estou moi contento porque non me esperaba esta actuación. Non é a miña distancia preferida, xa que eu son máis de probas curtas. Adestrara moito e ía preparado, pero non agardaba conseguir unha medalla de prata en xúnior. Onde máis cómodo me atopo é nos 200 metros, onde o ano pasado quedei 6º nas Olimpidas xúnior, e por iso non contaba con acabar tan ben nos 5.000 metros.

Ademais, rematou a só 6 segundos do campión, Pablo Roza, do Sociedad Cultural y Deportiva Ribadesella?

Si, xa contaba con que os meus compañeiros de centro, que son un ano maiores, foran os que lideraran a regata desde o principio porque teñen un ano máis de experiencia na categoría. Eles sabían como tiñan que levar a regata e tanto Pablo (Roza) coma David (Darné) –finalmente terceiro- eran os principais favoritos e eu ía coa esperanza de poder colarme aí e dar a sorpresa. Ao final conseguino e fun prata, así que moi contento. 

Foi unha sorpresa para todos entón?

Pódese dicir que si, que din a sorpresa porque o normal é que acabaran os dous por encima. 

Recibiu moitas felicitacións?

Si, moitas, tanto ao móbil como polas redes sociais. Xente do club, do pobo e tamén do resto da comarca. Estoulles moi agradecido.

Agora tócalle cambio de plans?

Si, levábamos todos 6 meses adestrando duro para este campionato, xa van moitos quilómetros e agora toca o cambio para a pista. Hai que adaptarse a outro tipo de entrenos, xa como máis me gusta a min, preparando distancias máis curtas, non tan sufridas como os 5.000 metros.

Cal é o seguinte obxectivo que ten marcado en vermello?

Pois o seguinte é o selectivo que temos a principios de maio. É o clasificatorio para o Mundial e o Europeo xúnior, que este ano creo que vai ser en Italia. O mellor de cada distancia irá ao Mundial e o segundo, ao Europeo. Este selectivo vai ser en Trasona (Asturias), onde adestro eu, polo que en principio é un punto a favor. Despois esta o Campionato de España de verán, pero para iso aínda queda bastante máis tempo. O máis próximo é este selectivo e ademais é a competición máis importante de toda a tempada.

En que probas vai participar nese selectivo?

Vou preparar os 200 e os 500 metros, aínda que a miña preferida é a de 200. 

Como levou o cambio a Trasona?

Levaba 2 anos en Pontevedra e o cambio foi bastante duro, porque os adestramentos son máis fortes e ás veces madrugamos moito pola mañá para ir despois ao instituto. Martes, xoves e algún venres comezamos ás 6 da mañá e as sesión son máis duras, de máis carga e calidade do que estaba habituado. Ao estar todos os compañeiros ao mesmo nivel fai que teñamos un grupo de adestramento moi bo.

Tamén ten que compaxinar cos estudos.

En Pontevedra adaptábannos os estudos, xa que o instituto estaba dentro do propio centro, porque había xente de moitas disciplinas deportivas, pero aquí somos só 10 e non podemos ter profesores propios, así que imos a un instituto normal de Corvera. Iso fai que non teñamos ningún tipo de facilidade para compaxinar estudos e adestramentos.

Foi todo isto o que conlevou o cambio físico que se lle apreza?

Desde o verán adelgacei uns 8 quilos polas dietas e o adestramento máis duro. Nótome no meu mellor momento de forma de sempre e iso é unha das razóns deste gran resultado nos 5.000 metros.

E pode seguir visitando Foz con asiduidade?

Vir pola casa está máis restrinxido. En Pontevedra viña todas as fines de semana, pero aquí temos moitos periodos de concentracións e as viaxes están máis restrinxidas. Fun a Foz dúas semanas en Nadal e agora irei 4 días en Semana Santa, nos que espero descoectar un pouco, que me fai boa falta. Botas de menos a familia e amigos, pero se o esforzo é recompensado, paga a pena

Comentarios