Xoán Guerreiro: "A actitude da empresa é unha desvergoña, ademais de inmoral"

Xoán Guerreiro (Xove, 1956) vive "con dor e preocupación" o anuncio de peche de Aluminio por parte de Alcoa "como xovense e extraballador"
Xoán Guerreiro. ANA SOMOZA
photo_camera Xoán Guerreiro. ANA SOMOZA

O pintor Xoán Guerreiro colaborou activamente para axudarlles aos traballadores de Alcoa coa venda de 200 gravados. Agora expresa a súa decepción pola situación xerada tralo anuncio do peche de Aluminio e o despedimento de 534 traballadores. 

Esperaba este anuncio? 
Non pensaba que sería tan cedo. Aproveitaron a conxuntura da atención no coronavirus, o que me parece dobremente inmoral. Como xovense e extraballador síntome implicado emocionalmente e moi doído. 

A quen considera o principal responsable deste posible peche? 
A actuación de Alcoa é dunha desvergoña absoluta, chantaxeando cada ano ao Estado, recollendo cartos públicos e subvencións a esgalla e agora deixando á xente na estacada e a unha comarca moi golpeada. Tampouco os políticos fixeron o necesario para que non se chegase a este punto. 

Todos os políticos? 
Polo menos os que teñen potestade para poder facer algo. O Goberno central está demostrando que Lugo non lle importa nada e o da Xunta lava as mans sen pór en marcha os seus recursos para evitar o desastre. Os alcaldes da comarca teñen que esquecer cores políticas e traballar todos a unha porque Alcoa é o cordón industrial que une A Mariña e ao final os prexudicados non son só os traballadores, senón tódolos veciños da zona. 

Vostede mantén aínda esperanzas de que haxa unha solución? Cal podería ser? 
Pois a solución que parece máis lóxica e a intervención estatal para salvar os postos de traballo. Deixar morrer Alcoa sería o inicio dun caos empresarial.

Comentarios