"A xente traficou só para poder sobrevivir"

Luís García Mañá presenta o venres na Pontenova a súa novela ‘Non é de Taramundi’, que recoñece coma unha homenaxe a seu pai

García Mañá nunha imaxe de aquivo. ÁLVEZ
photo_camera García Mañá nunha imaxe de aquivo. ÁLVEZ

O currículo de Luís Manuel García Mañá podería ocupar sen problema ningún toda esta páxina e podería facer falla pasar tamén á seguinte: policía primeiro, comisario despois, comisario xefe máis adiante e comisario principal honorario hoxe en día. Foi tamén senador polo PSOE e agora é escritor, correspondente da Real Academia da Lingua Galega cuxo presidente, Víctor Freixanes, estará presente no acto de presentación da súa última novela, Non é de Taramundi, que terá lugar na casa de cultura de A Pontenova este venres ás sete da tarde. Vainos acompañar o alcalde, Darío Campos, e o seu homólogo de Taramundi, César Villabrille. Pero sobre todo, di, é un home familiar.

O propio García Mañá explica que escribiu este libro para "zanxar unha débeda coa memoria de meu pai, que era de Taramundi". Tamén di que o título da novela, Non é de Taramundi encaixa na historia e da súa protagonista, que non é a única muller "porque esta é unha novela de mulleres. A protagonista é unha muller e hai outras que teñen moita importancia na trama".

Lembra unha escena súa de cativo, alí en Taramundi, cando nun día festivo viron pasar unha muller e alguén fixo ese mesmo comentario: "Non é de Taramundi". E de aí o tomou para poñerlle o título a esta obra "na que a protagonista é efectivamente unha mestura de inglesa e española e que durante as súas vacacións quere ver que pasou con seu pai, que sendo de Taramundi morreu violentamente en Vilaoudriz".

Di que el ten moi vivo na memoria a Vilaoudriz e o seu vello tren mineiro a Ribadeo "que vai estar moi presente na presentación de este venres".

Non é a primeira vez que García Mañá toca na súa literatura historias raianas, de fronteiras. "Eu son raiano por ambas bandas. Miña nai é da raia con Portugal e meu pai de Taramundi, así que de sempre mamei esa cultura de fronteira, de estar no límite pero desde un punto de vista enriquecedor, non separador, tanto no norte como no sur por dicilo dalgunha maneira. Enriquecinme cos contos, coa antropoloxía, o idioma…".

Tamén recoñece que eses espazos son un galano para a literatura "tanto o contrabando coma o estraperlo, que non son o mesmo. Do contrabando vivía moita xente dun lado e doutro da fronteira con Portugal. E o estraperlo era vender parte do que tiñas e comerciar con el pero dentro do país. O outro era pasalo dun país a outro. Por exemplo, entre Galicia e Portugal houbo contrabando de armas e eu mesmo lémbroo ben: armas curtas. Na parte norte da Mariña Oriental, con Asturias, o que había era estraperlo, pero de produtos de subsistencia. Habería outras cousas, pero moito era iso. A xente traficaba para vivir. Moito do que saía da Pontenova, Vilaoudriz ou Taramundi acababa en Ribadeo ou noutros pobos desa zona para que a xente subsistise, para poder comer e vivir con dignidade durante aqueles anos con racionamento. O estraperlo durou como mínimo ata o 1953".

CARREIRA. Luís Manuel García Mañá daría para unha novela en si mesmo. El mesmo o di: "Fun moitas cousas. Aínda sigo a ser Comisario Principal con carácter honorario. Pero a realidade é que xa son só un xubilado e a miña paixón é estar coa familia, cos netos, e escribir". Poida que por iso lle guste particularmente "a honra de ser correspondente da Real Academia Galega, e estou moi contento de que o seu presidente vaia honrarme coa súa presenza na presentación da Pontenova".

De todos os traballos que fixo admite que o máis absorbente foi o policial: "Era vivir en todo momento para o traballo. De noite e de día, 24 horas a completa disposición".E da política lembra que foi algo que aceptou tras deixar a Policía "porque un policía en activo non debe ser de ningún partido". Tamén aceptou porque "entrei no Consello Asesor da Policía e non asesorei nada de nada. Estaba de recheo e tiña certo mal sabor de boca de vir dunha actividade tan intensa a estar alí sen pintar nada. Así que entrei en política e foi unha experiencia positiva ver como se fan as leis, dado que eu son licenciado en Dereito e foi algo que me gustou".

Comentarios