"Vivimos moi ben, pero non me deixan xogar"

Luis Fernández vive nos Emiratos a súa segunda etapa internacional, onde as cousas sorrinlle a nivel persoal pero non no fútbol
Luis Fernández, no deserto en Dubai. EP
photo_camera Luis Fernández, no deserto en Dubai. EP

O futbolista burelés Luis Fernández Teijeiro está vivindo unha experiencia agridoce na súa segunda aventura lonxe de España. Logo de dúas temporadas "marabillosas" a nivel persoal e futbolístico no fútbol grego, o mariñao enrolouse o pasado verán nas filas do Khor Fakkan, un conxunto que compite na UAE Pro League, a categoría máis importante do fútbol dos Emiratos Árabes Unidos.

Aos seus 28 anos, a experiencia a nivel persoal está sendo enriquecedora, pero non así a nivel fútbolístico, xa que a el e ao xogador berciano Borja Valle retiráronlles a licencia federativa ao pouco de comezar a competición e só lles permiten adestrar, pero non xogar.

O xogador mariñao, criado na canteira do Deportivo, con quen logrou o ascenso á Primeira División, e con pasado tamén no Lugo, entre outros equipos, non dubidou en aceptar a oferta emiratí. "Casei en xuño, estivemos de lúa de mel en Dubai e gustáronnos moitas cousas das que vimos. É verdade que non é o mesmo ir de vacacións a un sitio que vivir nel, pero cando xurdiu esta oportunidade, aproveitámola", explica Luis.

Os adestramentos na pretemporada eran case inhumanos, con temperaturas entre os 50 e os 54 graos

O burelés recoñece que manexou máis ofertas do estranxeiro, pero as outras non o seduciron demasiado. "Tiña ganas de vivir unha experiencia fóra de Europa. Tamén tiven unha oferta de Arabia Saudí, pero alí as condicións de vida son máis difíciles, e outras de Asia non me chamaban neste momento", relata.

As previsións sobre a vida que se ía atopar nos Emiratos estanse cumprindo, pero non así a situación deportiva, onde só puido xogar dous partidos: "Quitáronnos a ficha a min e a Borja [Valle] e non podemos xogar. Aínda non sabemos os motivos, pero futbolísticos estamos convencidos de que non son porque creo que damos o nivel. Agora estamos adestrando e esperando unha solución".

Luis lamenta as poucas oportunidades que lles deu o adestrador, o brasileiro Caio Zanardi. El só puido gozar de 72 minutos e o berciano Valle, tamén exxogador do Deportivo, do Elche e Oviedo, dispuxo de 231. Cre que inhabilitaron as súas licenzas para facerlle sitio a dous futbolistas de Brasil. "Borja xogou un pouco máis, pero non nos deixaron demostrar se valemos ou non. Eu saín titular nun partido e xoguei só a primeira parte. Estaba levando bastante perigo, pero o cambio xa estaba premeditado. Dáme a sensación de que eles traen a xogadores e buscan facer negocio. Eu tamén vin aquí polas boas condicións económicas, pero a verdade é que quero xogar", recalca.

Prohibicións relixiosas: "O emirato no que ten a sede o equipo é o máis restritivo, así que nós vivimos nun que está a media hora"

Onde si lle van as cousas ben é fora dos terreos de xogo, unha vez superadas as primeiras semanas de aclimatación. "Ao principio chócanche certas cousas polo tema da relixión, pero isto non é Arabia Saudí e estamos a 50 minutos de Dubai. A vida aquí é fenómenal, estamos nunha urbanización con praia privada e da comida tampouco nos podemos queixar. Non vou dicir que isto sexa como Europa, pero se camiñas por Dubai ás veces pensas que é unha cidade que vai por diante do resto do mundo", destaca. Se cadra o maior choque prodúcese pola climatoloxía e as cuestións de índole relixiosa: "Ao principio chama a atención ver ás mulleres todas tapadas, pero é algo ao que te acostumas relativamente rápido. A nivel de comida aquí está permitida a carne de porco, o peixe é bo, a carne de tenreira é boísima e logo hai restaurantes impresionantes, aínda que tamén os hai que pagar. O tema da comida non é un problema e, ademais, estiveron hai pouco aquí meus pais e xa nos serviron de xamón, chourizo ou queixo, que son cousas que me encantan", di entre risas.

DCIM\100GOPRO\GOPR0168.JPGDOUS EMIRATOS. O cambio de costumes a nivel relixioso non é tan pronunciado porque viven no emirato de Fuyaira, mentres que o club está radicado na cidade da que toma o nome, Khor Fakkan, pertencente ao emirato de Sharjah, o máis restritivo dos sete que conforman os Emiratos Árabes Unidos. "Vivimos os estranxeiros do equipo todos xuntos a media hora da sede do equipo. Aínda que a min non me afecta gran cousa porque ao mellor bebo unha cervexa cada moito tempo, en Sharjah non está permitido ter alcohol e sobre todo estamos mellor en Fuyaira polas condicións para as nosas mulleres. Aquí poden ir aos ximnasios mixtos, pode ir vestida como quere aos sitios e facer unha vida practicamente normal. No outro emirato é máis difícil".

O que si levou moi mal o futbolista foi o traballo de pretemporada, no medio dunhas temperaturas case inhumanas: "Agora a temperatura xa empeza a baixar un pouco e estase mellor, pero eu paseino mal na pretemporada. Sufrín moito porque adestrábamos con temperatura entre os 50 e os 54ºC. Non é normal adestrar ás cinco da tarde nestas condicións, pero facíamolo. Ata que o vives non podes imaxinar o que é".

Para mitigar un pouco as temperaturas, "dábannos pilulas con sal e auga con sales para que bebéramos todo o tempo e non nos deshidratáramos. Ao mellor nun só adestramento bebíamos dous litros de auga. Por iso os partidos teñen moi pouco ritmo", sinala.

O burelés Luis Fernández xogando co Khor Fakkan. EPBOS ADESTRAMENTOS. Ao mariñao chamoulle a atención o traballo que fan nas sesións. "Quedei sorprendido coa forma de adestrar. Creo que foron os adestramentos máis fortes que fixen na miña vida. Esta xente quere ser sempre o mellor en todo e están facendo todo o posible para que os seus xogadores medren e poidan estar xa no Mundial de Catar do ano próximo", recalca.

A nivel de instalacións tamén é un luxo traballar nos Emiratos: "É outro mundo. O equipo no que estou, que é de nivel medio-baixo en 1ª, ten unha residencia e unhas instalacións impresionantes".

Onde percibe que teñen moito por mellorar e na organización dos campionatos: "Futbolisticamente non trates de entendelo. Co calendario fan o que queren. Houbo un parón na liga, despois xogamos Copa e agora temos dúas semanas con catro partidos. É unha tolemia todo. A organización nese aspecto deixa bastante que desexar", critica o burelés.

Fernández tamén destaca a seguridade que se respira no país e as medidas contra a covid: "A vida é moi segura, é unha pasada. Podes deixar todo o día a porta da casa aberta que non che vai faltar nada. E se che queda algo nun taxi ou noutro sitio, devólvencho seguro sin que lle falte nada. Co covid son moi estritos, cada dous tres días facemos test e para entrar nos sitios tes que estar vacinado e estar nunha App en verde, que significa que tes PCR negativa de fai poucos días. Hai moi pouco covid e faise vida case normal", relata.

Grecia ►"A experiencia no Asteras foi brutal"

Onde si que viviu unha experiencia totalmente reconfortante Luis Fernández foi no Asteras Trípoli heleno. Da aventura de dous anos no corazón do Peloponeso, onde tamén o acompañou a súa parella, só garda bos recordos. "A experiencia en Grecia foi brutal porque nos atopamos con xente incrible, fixemos un grupo fenomenal, levámonos amigos para sempre e coñecimos un país precioso. Convivimos con xente mediterránea e iso nótase, porque o trato da xente da cidade e do club foi moi bo. Quedamos encantados e foi todo unha pasada", afirma.

O único aspecto negativo, algo que non podía controlar el nin o club, foi a pandemia. "Foron momentos complicados para todos, sobre todo ao estar lonxe da familia, pero dentro do que cabe, o confinamento en Grecia foi menos estrito ca en España e podíamos saír facer exercicio", rememora.

18 GOLES. Na súa etapa no fútbol heleno, Luis Fernández brillou con 18 goles nos 48 partidos que disputou. Ademais deu 5 asistencias de gol e a temporada pasada foi unha peza importante na clasificación do Asteras para o play off polo título da máxima categoría.

VOLVER A ESPAÑA. Aos seus 28 anos, Fernández non pensa que a porta do fútbol español ou europeo estea pechada, senón todo o contrario. Anos atrás considerábase que ir xogar ao fútbol dos Emiratos era propio de xogadores que buscaban un destino dourado nos últimos anos da súa carreira. Isto parece que mudou na última década. "Cambiou totalmente. Nesta liga hai xogadores cun nivel moi baixo, pero tamén outros cun nivel altísimo. Tacticamente deixa bastante que desexar, pero compítese moi forte". Precisamente estar lonxe dos seus familiares e amigos é o que máis bota en falta, pero ten claro que "a vida profesional de futbolista é curta e hai que aproveitala ao máximo senón seguro que estaría cerca da casa", conclúe Luis.

EN CURTO
LOGROS  ►1 ascenso
O mellor recordo que ten Luis Fernández na súa carreira deportiva é o ascenso a Primeira División que acadou co equipo do que é afeccionado desde pequeno, o Deportivo da Coruña. Despois de brillar co filial herculino en 3ª División na 2012/2013, Fernando Vázquez dáballe a alternativa no primeiro equipo o curso seguinte en 2ª e o burelés respostaba con 5 goles en 28 partidos de liga, así como un na Copa.
ALBIVERMELLO Catro temporadas máis en 2ª, unha cedido no Club Deportivo Lugo
Despois das boas prestacións que ofreceu no Deportivo, Luis Fernández competiu catro campañas máis na categoría de prata. A primeira delas foi no Club Deportivo Lugo, onde xogou un ano cedido polos coruñeses e anotou cinco goles en 26 encontros. Posteriormente pasou polo Huesca, o Alcorcón e o Ucam Murcia.
GRAVES LESIÓNS ► Dúas roturas do cruzado e a operación dunha hernia lastrárono
O futbolista burelés padeceu tres lesións graves que lastraron a súa carreira. En febreiro de 2012, cando xogaba no Fabril, rompía o cruzado do xeonllo dereito e xusto cinco anos despois, xa na escadra murciana, sufría a mesma lesión no esquerdo. Aínda en Murcia, en setembro do 2018 era operado dunha hernia, problema que o mantivo uns cinco meses alonxado dos terreos de xogo.

Comentarios