En compañía de animais

"Cremos que a manda abandonou a corza albina por ser unha diana para os demais animais"

A reserva de animais de San Roque ten dende o pasado día 2 un novo habitante. Trátase dunha cría de corza albina, que polo momento está en corentena ao ter orixe salvaxe
A corza albina aparecida nos montes de San Roque. JOSÉ Mª ÁLVEZ
photo_camera A corza albina aparecida nos montes de San Roque. JOSÉ Mª ÁLVEZ

Veciños que acoden de xeito asiduo ao monte de San Roque viron os días 28 e 29 de marzo na área recreativa un curioso exemplar de corzo branco, que lles chamou poderosamente a atención, sobre todo porque non fuxía e estaba tranquilo, polo que lle daban pan e achegábase, segundo conta Carlos Méndez, o presidente da comunidade de montes.

"Cando nolo dixeron, chamamos ao Seprona, que avisou a Medio Ambiente, pero cando veu o vixiante xa se fora. Pasaron uns días e o domingo de Ramos chamáronme sobre as nove da mañá dicindo que estaba na zona do parque de aventura, na estrada, onde case o pillara un coche e un ciclista que fai mountain bike tamén levou un susto con el, íase contra a bicicleta. Non sei se a falla de visión lle afecta".

A pequena corza "apareceu da noite para a mañá, andaba desorientada. Non sabemos de onde veu, ao mellor tivo que adaptarse e comer por onde puido".

O presidente da comunidade de montes, Carlos Méndez, di que "vén á man e achégase, pero dixéronnos que ao ser así non ten a visión como os demais"

Os axentes do Seprona preguntáronlles se tiñan onde gardala e dende entón está na reserva de animais da comunidade. "O luns 3 veu un vixiante de Medio Ambiente e estivo véndoa e fixo un informe, despois nós chamamos ao veterinario e recomendounos tela en corentena, está ao pé dos demais, xunto das ovellas, pero sen contacto con eles. Desparasitámola e démoslle coidados, tiña parasitos no pelo e tamén debeu rascarse contra algunha árbore no lombo e no pescozo". Polo demais, o seu aspecto é bo. "Se nola ofrecen imos quedar con ela e senón levarémola a onde nos digan".

Pensan que puido nacer entre outubro e decembro. Agora esperan que pase a corentena, coidándoa, dándolle de comer e facéndolle compañía. "Se nola deixan faremos todo o que haxa que facer e ceibarémola xunto dos gamos para que ande pola zona libremente. Dixerónnos que é moi difícil que naza un así. Entendemos que a manda abandonouna ao ser albina, pois un animal branco é unha diana para todos os demais, que coa súa cor marrón poden agocharse. Por iso imaxino que a rexeitaron e vagou por aí ata que a recollemos".

"Esta Semana Santa foi unha atracción, os cativos estaban tolos con ela, foi brutal, é un espécimen raro. Agora anda por alí de pé, durme sestas, come penso adaptado, herba do campo e da seca que lle poñemos. Ten un alpendre onde se pode gardar". Carlos pensa que "é unha oportunidade ver un exemplar albino, porque ao mellor non se ve outro en moito tempo".

Os primeiros gamos chegaron á reserva da comunidade de San Roque en 1998, cedidos por Medio Ambiente e procedentes dunha zona de reserva existente en Lugo. Agora comparten catro hectáreas e media de terreo con outras especies.

Comentarios